A Deputación de Ourense pon en valor en Xantar o papel da enogastronomía como motor económico e turístico da provincia

A Deputación de Ourense estivo presente hoxe no acto de apertura da 27ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Enogastronómico que acolle Expourense ata o vindeiro 22 de novembro. Esta edición ten como novidade a presenza de Portugal como país convidado.
Durante a intervención institucional púxose en valor a riqueza gastronómica da provincia e a súa capacidade para converterse nun dos principais motores de desenvolvemento económico e turístico do territorio. Subliñouse que compartir mesa e mantel é unha das sinais de identidade de Ourense, e incidiuse na hospitalidade como un dos grandes atractivos diferenciais do destino.
Definiuse Xantar como un escaparate do que a provincia é capaz de ofrecer ao mundo, un evento que permite recoñecer o traballo de agricultores, gandeiros, viticultores, produtores, cociñeiros e hostaleiros, cuxa labor converte a gastronomía nunha fonte de riqueza e de oportunidades. Neste sentido, lembrouse que Ourense conta cunha despensa moi variada, catro denominacións de orixe vitivinícolas e unha oferta culinaria que combina tradición e innovación, con trazos propios en cada comarca. Apostar pola enogastronomía, sinalouse, equivale a apostar polo futuro do medio rural, xa que este sector resulta clave para dinamizar a economía local, sosteren o tecido produtivo e manter a actividade nos concellos da provincia.
Un dos puntos centrais do discurso foi a participación de Portugal como país convidado nesta edición, unha circunstancia considerada especialmente relevante polos estreitos vínculos históricos, culturais, sociais e gastronómicos que unen a ambos os territorios. Destacouse que Galicia e Portugal comparten moito máis ca unha fronteira, e que esa proximidade abre a porta a un modelo de turismo baseado en escapadas gastronómicas de fin de semana e no intercambio de visitantes entre ambos os lados da raia. A intención expresada foi que tanto os galegos sigan descubrindo Portugal como que os portugueses se animen a coñecer Ourense, os seus viños, a súa gastronomía, o seu patrimonio e os seus recursos naturais, impulsando así a cooperación transfronteiriza como vía para xerar novas oportunidades económicas e turísticas.
Tamén se puxo o acento nas vantaxes que ofrece a alta velocidade ferroviaria para reforzar o atractivo turístico da provincia, ao mellorar as conexións con Madrid e outros puntos da Península, o que converte a Ourense nun destino idóneo para escapadas de fin de semana, viaxes culturais e experiencias gastronómicas. A esa vantaxe súmase o potencial do termalismo, un dos recursos máis singulares do territorio, que se presentou como un complemento capaz de enriquecer aínda máis a experiencia de quen visita a provincia, combinando gastronomía, patrimonio, natureza e benestar. Neste marco, reafirmouse o compromiso da institución provincial cun modelo turístico de calidade e sostible, orientado a xerar oportunidades en toda a provincia e a dinamizar a economía dos seus concellos.
Así mesmo, resaltouse a importancia de Xantar como punto de encontro para os profesionais do sector e como plataforma de promoción da produción local. Entre as propostas desta edición figura un mercado gastronómico no que participan representantes da hostalaría e empresas da provincia, que ofrecen ao público diferentes elaboracións e tapas nun formato pensado para a degustación e o descubrimento de novos sabores. O salón incorpora tamén contidos vinculados ao patrimonio e a itinerarios culturais, como o Camiño Mozárabe, reforzando así a conexión entre gastronomía, cultura e turismo.
O acto concluíu cun agradecemento a Expourense, aos organizadores, expositores e profesionais que fan posible esta nova edición, cunha mención especial á participación de Portugal e o desexo de que Xantar contribúa a estreitar aínda máis os vínculos entre ambos os territorios. A intervención pechou cunha invitación a coñecer a provincia a través dos cinco sentidos, subliñando que en Ourense hai moito que ver, moito que vivir e moito que saborear.