A Deputación de Ourense propón un plan piloto para conectar os polígonos industriais co transporte metropolitano

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres unha proposta para impulsar o transporte metropolitano mediante un proxecto piloto destinado a conectar os polígonos industriais da contorna de Ourense cos principais núcleos de poboación.
A iniciativa busca facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras aos seus centros de emprego mediante servizos coordinados coa rede de transporte público e adaptados ás quendas laborais. A experiencia tería unha duración inicial de doce meses e estaría precedida dunha memoria técnica e económica na que se determinarían os polígonos incluídos, os núcleos de procedencia, os percorridos, as paradas, os puntos de intercambio, as frecuencias e os horarios.
A proposta contempla ademais un sistema de seguimento trimestral, unha primeira avaliación aos seis meses e un informe final. Nestas análises valoraríanse cuestións como o número de usuarios, a puntualidade, a adecuación dos horarios e o custo por viaxe, co obxectivo de determinar posteriormente se o servizo debe continuar, modificarse ou ampliarse.
O acordo tamén establece que o Concello de Ourense deberá remitir ao comité técnico-político do transporte metropolitano, nun prazo de 30 días, a resolución e o acordo municipal, xunto cun informe sobre as actuacións que permanecen pendentes e o calendario previsto.
Antes da posta en marcha do servizo deberán concretarse as responsabilidades e achegas das diferentes administracións implicadas. Así mesmo, a proposta solicita á Xunta que presente nun prazo de 60 días unha proposta inicial para a Área de Transporte Metropolitano, na que se definan o ámbito territorial, as necesidades de servizo, a coordinación coa rede urbana, o financiamento e o calendario de desenvolvemento.
O documento inclúe tamén a comprobación dos equipamentos necesarios para avanzar cara a un billete único, así como a aplicación de bonificacións e transbordos gratuítos. A Deputación mantería a coordinación do proceso e o estudo xeral de extensión das oito liñas continuaría como marco de planificación.
O Pleno aprobou tamén unha moción para buscar, xunto coa Xunta e a través de Augas de Galicia, unha solución técnica e financeira que permita garantir o abastecemento de auga potable aos núcleos de Cirós e Moreiriñas, na Bola.
A iniciativa reclama ademais unha avaliación detallada por concellos do Plan de Abastecemento de Galicia 2010-2015 e insta á Xunta a aprobar un novo plan plurianual que conte cunha planificación específica para Ourense, con especial atención ás zonas rurais e ás medidas necesarias para facer fronte aos períodos de seca.
A proposta inclúe tamén a petición de pechar o Pacto Local da Auga con tarifas xustas e transparencia nos investimentos, así como a creación dun programa estable de apoio técnico e financeiro destinado aos concellos pequenos e medianos.
Outra das iniciativas aprobadas reclama a declaración formal como zonas sensibles á contaminación por nitratos das masas de auga superficiais e subterráneas da conca do Limia, en aplicación do establecido nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de xullo de 2025.
O acordo pide ao Goberno de España, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que intensifique o control das augas e das explotacións gandeiras da zona. En concreto, solicita un plan de choque de inspeccións ambientais en todas as explotacións nun prazo máximo de tres meses e a publicación semanal do estado microbiolóxico e químico da auga do encoro das Conchas.
A Corporación provincial aprobou igualmente unha iniciativa para que a Deputación financie estudos destinados a acreditar itinerarios históricos de peregrinación que aínda non dispoñen de recoñecemento oficial.
A proposta formula comezar polo Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, a variante histórica de Vilardevós vinculada á Vía da Prata e o roteiro procedente de Vilar de Perdizes cara a Xinzo de Limia. O obxectivo é analizar e documentar estes percorridos e reforzar o seu potencial turístico e patrimonial de cara ao Ano Santo Xacobeo 2027.
Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a iniciativa pretende que a Xunta poida iniciar os procedementos necesarios para o recoñecemento oficial destes itinerarios como Camiños de Santiago.
A orde do día do pleno de setembro completouse con varios asuntos de trámite, entre eles a delegación de competencias na Deputación en materia de recadación por parte dos concellos da Rúa e Petín e en materia de abastecemento por parte de Sarreaus.
Tamén se aprobou unha modificación das bases de execución do orzamento provincial de 2026 que afecta aos concellos de Celanova, Pontedeva e A Peroxa, así como a dúas entidades.