A Deputación de Ourense reafirma o seu apoio ao Ourense CF

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu este xoves no Pazo Provincial ao presidente do Ourense CF, Camilo Díaz, e ao director xeral do club, Javier Quiroga, nun encontro no que se reafirmou o apoio da institución provincial á entidade deportiva.
Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións relacionadas co funcionamento do equipo, entre elas as necesidades de espazos para o desenvolvemento dos adestramentos, un dos aspectos clave na planificación deportiva do club.
Luis Menor trasladou aos representantes do Ourense CF o compromiso da Deputación co club, unha colaboración que, segundo lembrou, se vén mantendo desde hai anos. O presidente provincial quixo ademais mostrar o seu apoio no momento deportivo actual, que cualificou de transcendental para o equipo.
Neste sentido, o Ourense CF afronta dúas xornadas decisivas nas que precisa sumar a vitoria fronte ao Talavera e ao Tenerife para manter as súas opcións de continuidade na Primeira Federación.