A Deputación de Ourense renova o seu compromiso co COB e coa canteira do baloncesto provincial

OurenseXa
A institución provincial mantén o seu apoio económico e material ao club de cara á nova tempada, cunha achega que supera os 270.000 euros e a cesión das instalacións do Paco Paz durante toda a campaña
COB_ourense
20 Aug 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, achegouse este xoves ao Pazo dos Deportes Paco Paz para presenciar un dos adestramentos coas que o Club Ourense Baloncesto (COB) está a preparar a vindeira tempada. Alí tivo ocasión de saudar tanto aos xogadores coma ao corpo técnico, aos que transmitiu o respaldo da institución provincial de cara ao novo curso.

Durante a súa visita, Menor amosou o seu desexo de que a preparación destas semanas se traduza en bos resultados unha vez comece a competición, e puxo en valor o papel do equipo como representante da provincia noutros puntos do país, subliñando o vínculo especial que a afección ourensá mantén co baloncesto.

Rematado o adestramento, o mandatario provincial mantivo un encontro co presidente do COB no que abordaron a planificación da tempada e os principais desafíos que o club afronta, tanto no plano deportivo coma no institucional e social.

No apartado económico, a Deputación destina 250.000 euros ao funcionamento xeral do club, aos que hai que engadir 20.000 euros adicionais para o desenvolvemento da súa área social. A isto súmase a cesión das instalacións do Paco Paz durante toda a campaña, un recinto que este ano abriu as súas portas de xeito anticipado, xa a mediados de agosto, para dar marxe ao equipo na súa preparación.

O presidente provincial quixo poñer en valor tamén o traballo que o club desenvolve máis alá das pistas, a través de colaboracións con distintas entidades e da posta en marcha de actividades pensadas para nenos e nenas con capacidades diversas, ademais de programas específicos no centro penitenciario e no centro de menores da cidade. Nesta liña, Menor lembrou que a actividade do COB vai máis alá dos días de partido, xa que ao longo de todo o ano o club emprega o deporte como vía para fomentar a inclusión, a convivencia e a superación persoal.

Esta colaboración, explicou o presidente, forma parte dunha estratexia máis ampla da Deputación a prol do baloncesto na provincia, que tamén contempla un maior apoio económico aos clubs ourensáns e ás Copas Deputación nas categorías inferiores, incluída a modalidade baby. Menor insistiu en que o respaldo institucional non se limita ao primeiro equipo, senón que se estende á canteira, por ser onde se sitúan as bases do futuro do baloncesto na provincia, coa aspiración de consolidar un proxecto que permita a Ourense recuperar posicións no baloncesto de elite.

0.16468501091003