A Deputación lidera un proxecto europeo para dinamizar os Camiños de San Rosendo e da Raínha Santa

A Deputación de Ourense presentou hoxe o proxecto europeo impulsado polo Inorde orientado á dinamización turística sostible e inclusiva dos Camiños de San Rosendo e da Raínha Santa. O acto de presentación celebrouse no Centro de Interpretación Aquis Querquenis, en Bande, e marcou o inicio dunha iniciativa que contará cun investimento de 650.634 euros e desenvolverase ata finais de 2028.
A apertura da xornada correu a cargo do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen subliñou o valor dun itinerario xacobeo e histórico de especial relevancia, ligado á antiga calzada romana da Vía Nova e que discorre por espazos de gran riqueza ambiental como a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
O proxecto, denominado “Camino_San_Rosendo_1_E: Dinamización turística sustentable e inclusiva do Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa”, ten como finalidade evitar un modelo baseado no turismo de masas e, no seu lugar, potenciar a posta en valor do patrimonio cultural e natural da ruta. A iniciativa busca tamén favorecer a economía local e contribuír á desestacionalización turística para favorecer a creación de emprego durante todo o ano.
Durante o acto, Rosendo Fernández destacou tamén a implicación dos concellos ourensáns de Lobios, Muíños, Bande, Verea, Celanova, A Merca, San Cibrao das Viñas e Lobeira, así como da Asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo e da Raínha Santa.
O proxecto desenvólvese no marco do Programa de Cooperación Interreg VI A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027 e conta, ademais do Inorde, coa participación da Universidade da Coruña, a Comunidade Intermunicipal do Cávado, a Associação Empresarial de Braga, a Universidade de Vigo e os municipios portugueses de Braga e Terras do Bouro.