A Deputación pon en valor o traballo da Unión Deportiva Ourense no impulso do fútbol base na provincia

OurenseXa
Ambos organismos abordaron este martes nun encontro a posibilidade de impulsar un torneo de fútbol e outras iniciativas vinculadas ás categorías inferiores
luis-menor-udo
14 Apr 2026

O presidente da Deputación, Luis Menor, recibiu hoxe á directiva da Unión Deportiva Ourense nun encontro no que ambas partes analizaron a situación actual do club e as súas liñas de futuro, especialmente no relativo ao crecemento do fútbol base e á consolidación do proxecto deportivo.

Durante a reunión, a directiva da UDO presentou unha memoria na que se recolle a evolución do club tanto no primeiro equipo como nas categorías inferiores. O presidente provincial destacou a boa dinámica do conxunto sénior, que milita na Segunda Federación e se mantén en postos de play-off, con opcións de pelexar polo ascenso á Primeira Federación.

Outro dos puntos abordados foi o avance do fútbol formativo, no que a entidade experimentou un crecemento significativo tanto en número de xogadores como no proceso de formación deportiva. Neste contexto, púxose en valor que o primeiro equipo conta actualmente con 14 futbolistas ourensáns, un dato que foi especialmente destacado pola Deputación polo seu impacto na promoción do talento local. Así mesmo, tratouse a posibilidade de impulsar un torneo de fútbol e outras iniciativas vinculadas ás categorías inferiores, que se atopan en fase de estudo e concreción.

Ao remate do encontro, a directiva da Unión Deportiva Ourense entregou a Luis Menor unha camiseta conmemorativa do club, na que figuran os nomes dos socios e que está a ter unha boa acollida entre a afección.

Na reunión participaron Javier Orbán, presidente da Unión Deportiva Ourense; Fernando Currás, director deportivo; José Antonio Quintana, xerente da entidade; e Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense.

0.11615204811096