A Deputación presenta un libro sobre a Vía da Prata para fomentar o turismo na provincia

OurenseXa
A obra, elaborada por Manuel Garrido Rivero e María Eugenia Muñoz Fernández, pon en valor esta ruta histórica “como motor de desenvolvemento cultural, turístico e territorial”
libro-via-da-prata-dep-ourense
23 Apr 2026

A Deputación de Ourense presentou este xoves o libro “Paseniño pola Vía da Prata. O Camiño Mozárabe na provincia de Ourense”, unha obra coa que a institución busca reforzar a promoción da provincia a través dun dos seus principais itinerarios históricos e culturais.

A publicación enmárcase nos actos do Día do Libro e foi presentada como un proxecto orientado a poñer en valor a Vía da Prata “como motor de desenvolvemento cultural, turístico e territorial”, segundo destacou o presidente da Deputación, Luis Menor.

Durante a presentación, Menor subliñou que a obra “non é só un libro, senón unha ferramenta útil para dinamizar o territorio, promover o turismo e reforzar a cohesión provincial”, insistindo na importancia de aproveitar este tipo de recursos patrimoniais como elementos de impulso económico e social.

O volume foi elaborado por Manuel Garrido Rivero, historiador e especialista en camiños, e María Eugenia Muñoz Fernández, experta en patrimonio e historia da arte. Ambos foron seleccionados mediante un proceso de concorrencia competitiva, tal e como explicou a xefa de Sección de Arquivo e Publicacións, Ana María Malingre, quen tamén puxo en valor o traballo dos autores. Estes agradeceron á Deputación o seu “compromiso coa Cultura e coa Vía da Prata”.

A obra propón un percorrido polos concellos ourensáns atravesados por este itinerario, ofrecendo información sobre patrimonio histórico, cultural e natural, así como referencias á tradición e á gastronomía local. O contido preséntase cun enfoque divulgativo e visual, apoiado en material gráfico do Arquivo da Deputación e con vocación internacional mediante recursos accesibles en varios idiomas a través de códigos QR.

Esta publicación intégrase no Plan de Publicacións Provincial, co que a Deputación continúa ampliando o seu catálogo editorial centrado na difusión do patrimonio e na posta en valor dos recursos do territorio.

Con esta iniciativa, a institución provincial busca consolidar a Vía da Prata como un recurso estratéxico para Ourense e converter o seu potencial en novas oportunidades para os concellos polos que discorre esta histórica ruta.

0.13265514373779