A Deputación reivindica o traballo humano que sustenta o audiovisual na inauguración da mostra de Esteban Delaiglesia

OurenseXa
O deputado Rosendo Fernández salientou que a proposta “rescata do anonimato os profesionais e fai patente a dignidade do seu traballo nun momento de profunda transformación tecnolóxica”
inauguracion-exposicion-deputacion-ourense
19 Sep 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu hoxe a inauguración da exposición Ecosistema dunha rodaxe, do fotógrafo Esteban Delaiglesia, unha proposta que convida a descubrir o complexo entramado humano e técnico que existe detrás das cámaras nunha produción audiovisual.

No acto participou o deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández, acompañado polo autor da mostra e pola súa comisaria, Monse Cea.

Rosendo Fernández destacou que esta exposición “rescata do anonimato os profesionais que fan posible a creación audiovisual e reivindica a dignidade do seu traballo nun momento de profunda transformación tecnolóxica”. Neste sentido, valorou a capacidade de Esteban Delaiglesia para “converter aquilo que habitualmente permanece fóra de plano nun relato artístico cargado de honestidade, sensibilidade e respecto polos oficios”.

O deputado provincial sinalou tamén que o Centro Cultural Marcos Valcárcel “volve cumprir a súa función como espazo aberto á creación contemporánea e á reflexión sobre as grandes cuestións do noso tempo”. “A cultura non só nos permite gozar da beleza, senón que tamén nos axuda a mirar doutro xeito aquilo que nos rodea e que, pola súa proximidade ou invisibilidade, poucas veces recibe a atención que merece”, engadiu.

Ecosistema dunha rodaxe é o resultado de seis anos de investigación nos que Delaiglesia combina a súa experiencia como fotógrafo profesional de rodaxe coa súa faceta como artista visual. A exposición rende homenaxe á “tremoia humana” que sostén o audiovisual: técnicos e técnicas, intérpretes e demais profesionais cuxo labor resulta imprescindible para construír a ficción, pero que habitualmente queda oculto tras o resultado final.

A mostra está integrada por 62 pezas de diversos tamaños, tanto en branco e negro como en cor, agrupadas na súa maioría en polípticos. As fotografías retratan as persoas que traballan detrás das cámaras, as súas ferramentas, os xestos cotiáns, os momentos de espera ou esgotamento e os obxectos que conforman a paisaxe técnica e humana dun set.

Todas as pezas foron realizadas en formato horizontal como unha homenaxe á linguaxe panorámica do cinema e tamén como unha reivindicación da fotografía entendida como artesanía, expresión artística e acto de comunicación social, fronte ao consumo acelerado de imaxes propio das pantallas e das redes sociais.

A estrutura da exposición distribúese en cinco grupos de fotografías impresas. Entre elas destaca unha composición dedicada aos profesionais que traballan detrás da cámara portando as súas ferramentas, realizada integramente en branco e negro para subliñar a súa invisibilidade. O reparto aparece representado a través das mans e da linguaxe corporal, evitando intencionadamente os rostros para equiparar o seu traballo ao do resto do equipo.

A mirada do foto fixa

A proposta complétase cunha proxección de arredor de 150 imaxes realizadas por Esteban Delaiglesia como foto fixa, unha profesión pouco coñecida pero fundamental dentro do ecosistema audiovisual. Trátase dunha escolma de retratos, escenas de rodaxe, momentos de acción e imaxes espontáneas entre os membros do reparto.

A proxección recupera simbolicamente o ritmo das antigas sesións de diapositivas: as fotografías sucédense paseniño, acompañadas unicamente polo son do aparello, favorecendo unha contemplación pausada e consciente. Deste xeito, o autor propón unha alternativa ao “scroll” infinito e reivindica novamente a fotografía como experiencia compartida.

Comisariada por Monse Cea, Ecosistema dunha rodaxe constrúe, en palabras da propia proposta expositiva, un retablo de imaxes marcado pola honestidade, a dignidade e a tenrura, ao tempo que abre unha reflexión sobre o valor do traballo humano nun sector que afronta os retos derivados da intelixencia artificial e da crecente dixitalización dos procesos creativos.

0.15659809112549