A execución de catro obras en distintas rúas da cidade obriga a reorganizar o tráfico no centro de Ourense

OurenseXa
O plan desenvolverase en catro fases e inclúe cortes, desvíos e cambios provisionais de circulación
parque-de-san-lazaro-ourense
2 Jul 2026

O Concello de Ourense, a través dunha actuación coordinada entre a Concellería de Infraestruturas e a Policía Local, puxo en marcha este mércores 1 de xullo un plan de reorganización do tráfico no centro da cidade motivado pola execución de varias obras de mellora en diferentes vías urbanas.

O dispositivo estrutúrase en catro fases e afectará progresivamente a distintos eixes viarios do centro, entre eles Bedoya-Santo Domingo-San Lázaro, Curros Enríquez-Concello-Xoán XXIII, Pena Trevinca e a Avenida de Portugal.

Na primeira fase, iniciada hoxe e cunha duración estimada de dous meses, procédese ao corte do tráfico no eixe formado polas rúas Bedoya, Santo Domingo e o Parque de San Lázaro. Durante este período, establécense itinerarios alternativos e accesos específicos para residentes. En Santo Domingo, o acceso e saída realizarase a través da rúa Concordia, mentres que no Parque de San Lázaro se habilita a entrada e saída por Curros Enríquez. No caso da rúa Bedoya, no tramo entre Valle Inclán e Santo Domingo, o acceso efectuarase desde Concordia continuando pola Avenida de Bos Aires, Valle Inclán e Ramón Cabanillas, mentres que a saída se fará exclusivamente cara a Valle Inclán.

A segunda fase desenvolverase os días luns 6 e martes 7 de xullo no eixe Curros Enríquez-Concello-Xoán XXIII, cunha intervención dividida en dúas subfases. Na primeira, o vial de Xoán XXIII situado detrás da Subdelegación do Goberno pasará a ser de dobre sentido de circulación de forma provisional, mentres que a parada de autobús do Parque de San Lázaro será trasladada a Curros Enríquez. Na segunda subfase, tras a reapertura do nodo inicial, pecharase o tramo situado detrás da Subdelegación do Goberno, impedindo o acceso desde Xoán XXIII cara á Avenida da Habana.

A terceira fase centrará as actuacións na rúa Pena Trevinca, onde se levará a cabo o asfaltado desde Serra de Queixa ata a intersección coa Estrada da Granxa e Emilia Pardo Bazán. A vía quedará configurada como sentido único descendente, mentres que os vehículos que precisen circular en sentido ascendente serán desviados pola rúa Serra de Queixa. A partir do luns 6 de xullo procederase tamén ao valado das zonas de estacionamento para facilitar o traballo da maquinaria.

Finalmente, a cuarta fase consistirá no reasfaltado da Avenida de Portugal, que xa se atopa en obras, polo que o impacto no tráfico será reducido. No cruzamento coa rúa Ervedelo contarase con sinalistas para regular a circulación mediante paso alternativo.

O Concello de Ourense solicita á cidadanía máxima precaución, atención á sinalización provisional e o uso de itinerarios alternativos durante o desenvolvemento das obras.

0.13961315155029