?> A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense pide a Pedro Sánchez que non renuncie ao cargo en OurenseXa

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense pide a Pedro Sánchez que non renuncie ao cargo

OurenseXa
Os socialistas ourensáns veñen de emitir un comunicado no que amosan o seu total apoio ao presidente do Goberno, a quen animan a continuar no cargo fronte "os ataques persoais sen precedentes das dereitas"
comision-executiva-provincia-psoe-ourense
Reunión da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense
Redacción Ourensexa
26 abr 2024

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense convocou no día de onte unha reunión extraordinaria e de caracter urxente ante o anuncio da posible renuncia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Os socialistas ourensáns denuncian "o lamazal no que se está convertendo a política española polas prácticas das dereitas", nunha carta á cidadanía publicada esta mañá.

"O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e as e os integrantes da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, en representación das máis de 1.500 persoas que formamos este partido na provincia, e reflectindo a fonda preocupación  que nos está a comunicar a sociedade ourensá á que temos a honra de representar, trasladamos ao Presidente do Goberno de España e á súa familia solidariedade, afecto e ánimo para afrontar os ataques persoais sen precedentes das dereitas e seguir a traballar polo progreso deste país", inicia o comunicado.

"A carta á cidadanía que compartiu Pedro Sánchez é un feito inédito en política, e reflicte o dano causado por unha acumulación de agravios sen parangón na historia democrática española, que culminou nun último e grave atropelo: as calumniosas acusacións infrinxidas á súa dona. A dereita, é incapaz de asumir a súa derrota nas urnas e superou unha liña vermella: invadir a intimidade para obter réditos de poder", continúan os socialistas.

Para eles, "non son os intereses de Estado, nin a democracia ou a xustiza quen guían ás dereitas españolas, que perseguen deshumanizar, vilipendiar e afundir á persoa para tombar o Goberno que se constituíu lexitimamente a partires da vontade do pobo. Da frustración e do rancor xurde a maledicencia da dereita".

Por iso, indican "comprendemos ao Presidente cando -mancado polo dano- foi inducido a cuestionarse se “paga a pena” seguir loitando, por moito que se teñan demostrado avances sociais e económicos da súa man, así como das mans das mulleres e dos homes socialistas que o precederon, e de quen poidamos seguir acompañándoo nesta tarefa hoxe"

Os socialistas ourensáns mostran o seu total apoio ao presidente do goberno e anímano a continuar no cargo. "Que non o dubide o noso Presidente, o Presidente de todas e de todos, por moito que haxa “demócratas” que lle neguen o título: si que paga a pena, Presidente. A maioría da poboación, alén da súa afiliación política, está ao seu carón,  e clama agora para que non ceda ofrecéndolle seu apoio e alento, nestes momentos de reflexión nos que está inmerso"

"Dende Ourense, as mulleres e os homes do partido socialista respectamos o tempo que precisa Pedro Sánchez para madurar a súa decisión coa familia, e emitimos este comunicado convencidos de que seguirá a facer o mellor para ela e para España: apoiarse no calor da cidadanía democrática e continuar ao fronte dun pais que ansía prosperar en dignidade e respecto" remata o comunicado.

A posible renuncia de Sanchez caeu como un xerro de auga fria entre os socialistas, que esperan que este luns o presidente anuncie a súa continuidade á fronte do executivo.