Baixo o lema 30 anos sementando futuro social, a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo celebrou este martes pola tarde o 30 aniversario da creación das titulacións de Educación Social e Traballo Social no campus de Ourense. Durante o acto rendeuse homenaxe ás persoas pioneiras nestes estudos e levouse a cabo un diálogo sobre o pasado, presente e futuro de ambos graos, coa participación de diferentes xeracións de profesorado e alumnado implicados nestas titulacións.
No evento, ao que asistiron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, expresou o agradecemento da institución académica a “todas e cada unha das persoas que durante este tempo fixeron e seguen facendo posible” estes estudos.
Lembrouse que as titulacións de Educación Social e Traballo Social no campus de Ourense comezaron coa publicación da súa creación no Boletín Oficial do Estado, no número 280 do 23 de novembro de 1994, cando estaban adscritas á entón Facultade de Humanidades. Trinta anos despois, forman parte da oferta académica da actual Facultade de Educación e Traballo Social. Durante a homenaxe, destacouse a misión deste centro: “contribuír a unha comunidade de aprendizaxe na que se formen profesionais competentes e, sobre todo, comprometidos coa igualdade, a xustiza social, a equidade e a inclusión, desenvolvendo investigacións que posibiliten a mellora da vida das persoas, con especial atención ás máis vulnerables”.