A Feira de Stock do Carballiño reúne ata o domingo 15 comercios locais

OurenseXa
A cita, organizada por Carballiño Centro Comercial Aberto e con máis de tres lustros de historia, reparte vales de compra de 50 euros entre os visitantes e reúne establecementos de moda, calzado, fogar, decoración e xoguetería
carballiño
21 Aug 2026

O Carballiño acolle desde hoxe e ata o vindeiro domingo, 23 de agosto, unha nova edición da Feira de Stock, unha iniciativa impulsada por Carballiño Centro Comercial Aberto que conta co apoio da Xunta de Galicia e que suma xa máis de 15 anos de traxectoria.

Nesta ocasión participan 15 comercios asociados á entidade organizadora, pertencentes a sectores como a moda, o calzado, o fogar, a decoración ou a xoguetería, entre outros. Entre as actividades programadas figura o sorteo de vales de compra por valor de 50 euros, pensado para incentivar as vendas entre os visitantes.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a feira e puxo en valor este tipo de citas como ferramenta para impulsar as vendas do pequeno comercio e contribuír á dinamización socioeconómica das vilas galegas.

Alén aproveitou tamén para lembrar as achegas autonómicas destinadas á actividade dos centros comerciais abertos, cuxa convocatoria deste ano repartiu máis de 2,35 millóns de euros entre 56 entidades de toda Galicia, entre as que se atopa Carballiño Centro Comercial Aberto.

Na provincia de Ourense, esta entidade é unha das seis beneficiarias destas achegas, que no seu caso suman un importe total duns 263.000 euros. Estas subvencións enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que ten entre os seus obxectivos impulsar a mellora da competitividade do sector para consolidar un tecido comercial moderno, atractivo e de calidade.

0.1547589302063