A feira EmpregoInCampus achega as oportunidades laborais ao estudando do campus de Ourense

O campus de Ourense acolleu este mércores unha nova edición de EmpregoInCampus, a cita anual co emprego da Universidade de Vigo, que reuniu no pavillón de deportes universitario a arredor de 70 entidades públicas e privadas.
O evento estivo dirixido principalmente ao alumnado dos últimos cursos de grao, así como de mestrado e doutoramento, que puido coñecer de primeira man distintas opcións de desenvolvemento profesional e establecer contacto directo coas empresas e institucións participantes.
Entre as autoridades presentes na visita institucional destacou o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen puxo en valor a participación da Subdelegación cun espazo informativo propio. Neste punto, o persoal explicou ao estudantado as oportunidades laborais na Administración Xeral do Estado.
Ademais, no marco do programa A Administración Preto de Ti, tamén se ofreceu a posibilidade de tramitar o Certificado Dixital e recibir información sobre os seus usos. Santos subliñou que “a Subdelegación mantén unha relación permanente co Campus de Ourense, polo que esta feira é unha oportunidade perfecta para continuar a colaboración e así conectar aos universitarios co traballo da administración”.
A feira, organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo co apoio da Vicerreitoría do campus e dos seus centros, contou con arredor de 40 stands e unha ducia de mostradores informativos de institucións. Ademais, habilitouse unha zona específica na que alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática realizou entrevistas con preto de 25 empresas.
A participación empresarial foi ampla e diversa, con presenza de sectores que van desde o tecnolóxico e alimentario ata o xurídico e turístico. Xunto ás empresas, tamén estiveron presentes organismos como a Xunta de Galicia, a Axencia Tributaria e o Ministerio de Defensa.
O encontro incluíu tamén un espazo da propia universidade no que o alumnado puido recibir orientación laboral, mellorar o seu currículo, practicar entrevistas de traballo e obter unha fotografía profesional para a súa presentación laboral.