A historia dos marrelleiros continúa a escribirse na Merca cunha festa con sabor a tradición

A gastronomía e a memoria colectiva volverán darse a man na XV Exaltación do Porco ó Espeto, que se celebrará o vindeiro 11 de xullo de 2026 no Pavillón Municipal da Merca. A cita, organizada pola Asociación A Peneda da Lebre coa colaboración do Concello da Merca, da Deputación de Ourense e do Inorde, busca ir máis alá dunha celebración gastronómica para converterse nunha homenaxe ás raíces e á identidade do municipio.
A xornada arrancará ás 12:00 horas cun xantar popular no que se poderán degustar produtos como xamón de castañas Coren, empanada, lacón, porco ó espeto, bebidas, café e bica. Ademais, a programación completarase con música ao longo do día coa participación dun grupo de gaitas e dun DJ.
Porén, detrás desta celebración hai unha historia que se remonta séculos atrás. A Merca conserva unha forte ligazón coa figura dos tratantes, coñecidos tamén como marrelleiros ou mergueiros, unha actividade que marcou durante xeracións a vida económica e social do municipio. Segundo a tradición local, cómpre viaxar ata o século XVII para atopar as orixes desta identidade. Arredor de 1620, no lugar de Vilar de Pallo, impulsouse unha feira que acabaría converténdose nun referente da zona. A súa celebración o día 26 mantense ata hoxe, converténdose nun dos sinais de continuidade histórica do municipio.
Os tratantes da Merca dedicábanse especialmente ao comercio de porcos. Percorrían localidades de Lugo como Sarria, Monforte ou Chantada, chegando tamén a outros puntos da provincia, para adquirir animais que despois trasladaban e comercializaban nos concellos da contorna. Aqueles desprazamentos facíanse acompañados de animais de carga que transportaban alimentos e provisións para as longas viaxes.
A tradición oral lembra tamén unha particular maneira de entender os negocios: pagaban ao contado cando mercaban, pero moitas veces vendían fiado, cobrando posteriormente en diñeiro ou mesmo en especies. Un oficio que se foi transmitindo de pais a fillos e que forma parte da memoria colectiva da Merca.
O alcalde do municipio, Manuel Garrido, destacou a importancia de manter vivo ese legado. “Desde o Concello sempre apoiamos esta iniciativa porque representa a historia dos marrelleiros e é unha honra poder lembralos”, sinala, incidindo en que esta celebración pretende recoñecer o traballo das xeracións pasadas que fixeron do trato e do comercio unha das actividades máis representativas da localidade. "Con este evento queremos homenaxear a todas esas persoas que formaron parte da historia da Merca e que deixaron unha pegada moi importante", afirmou.
O rexedor lembra ademais que a festa actual ten unha longa traxectoria ás súas costas.“Este é o décimo quinto ano neste formato, pero a Festa do Porco vén de moito antes. Xa existía antes dos anos setenta, polo que estamos falando dunha tradición con máis de medio século de historia”, explicou.
“Convidamos a toda a xente a vir desfrutar da gastronomía, da música e do ambiente. A Merca ten historia e tradición, e esta festa é unha maneira de compartilas”, expresa o alcalde, que lembra que as persoas interesadas en asistir ao xantar popular deberán reservar a súa praza antes do 8 de xullo.