A Inspección de Traballo require ao Concello de Maceda corrixir os cuadrantes do servizo de limpeza

OurenseXa
Unha resolución constata incumprimentos no descanso semanal das traballadoras e obriga a adaptar a organización do servizo á normativa laboral
concello_de_maceda
12 Jun 2026

A Inspección de Traballo vén de emitir un requirimento ao Concello de Maceda no que insta a corrixir a organización dos cuadrantes do servizo de limpeza municipal, tras detectar incumprimentos relacionados co descanso semanal das traballadoras.

A resolución dá resposta á denuncia presentada pola organización sindical CCOO, que cuestionaba a planificación da xornada laboral neste servizo. Segundo conclúe a Inspección, os cuadrantes elaborados polo Concello non garantirían o descanso mínimo establecido pola normativa vixente, tanto no Estatuto dos Traballadores como no convenio colectivo de aplicación.

En concreto, o informe sinala que nas semanas nas que se traballa durante a fin de semana non se estaría asignando un día alternativo de descanso, o que suporía unha vulneración do dereito ao descanso semanal ininterrompido.

Ante esta situación, a Inspección require ao Concello de Maceda que modifique de forma inmediata a organización do servizo e adapte os cuadrantes á legalidade, garantindo un mínimo de día e medio de descanso semanal para o persoal afectado.

A resolución, explican desde CCOO tamén implica a revisión do sistema actual de planificación de xornadas, co obxectivo de asegurar o cumprimento da normativa laboral e evitar novas situacións de incumprimento.

0.1485710144043