A mocidade de Barbadás poderá participar nun curso de patinaxe agresiva

O Concello de Barbadás impulsa un obradoiro de patinaxe agresiva dirixido a rapazas e rapaces de entre 9 e 17 anos, unha actividade formativa e práctica que busca achegar esta disciplina deportiva á mocidade do municipio.
A iniciativa terá lugar no skatepark da Valenzá en dúas posibles datas, o martes 23 ou o xoves 25 de xuño, en horario de 11:00 a 13:00 horas.
A actividade require o uso obrigatorio de casco e proteccións, co obxectivo de garantir a seguridade dos participantes durante o desenvolvemento das sesións.
O prazo de inscrición estará aberto entre o 10 e o 19 de xuño, e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 988 000 234 ou no enderezo electrónico xuventude@barbadas.es.