A moción de censura de Ourense podería sair adiante cun candidato socialista

OurenseXa
O BNG reiterou que dará luz verde á moción no Concello de Ourense, mentres que PSOE e PP deberán seguir negociando para alcanzar un acordo
psoe-pp-bng-mocion-censura-ourense
Socialistas, populares e nacionalistas ourensáns nun encontro para debatir sobre unha posible moción de censura no Concello de Ourense
21 Xuño 2024

As conversas para sacar adiante unha moción de censura no Concello de Ourense continuaron este xoves entre os tres grupos da oposición. Inda que non será fácil, parece que os grupos atópanse máis cerca que nunca dun posible pacto.

Os socialistas, dispostos a liderar o cambio

Os socialistas estarían dispostos a liderar unha alternativa de goberno na cidade, o que non é de estrañar xa que foron precisamente eles os que abriron a porta a presentar unha moción de censura ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Todo apunta a que, en caso de que o PP apoiase unha candidatura socialista, Natalia González, actual portavoz do partido na cidade, lideraría a alternativa de Goberno baseada no Pacto da Concordia.

“O Pacto da Concordia é o compromiso de tres forzas políticas, e das persoas que as representan, para cambiar o futuro de Ourense nos próximos tres anos. É un acordo no que todos e todas temos que ceder pero no que PSOE, PP e BNG debemos ser igual de importantes”, reiterou González ao remate do encontro. Insistiu, ademais, na importancia do programa e iniciativas a poñer en marcha estea quen estea no executivo para que a cidadanía non saia prexudicada.

“As e os socialistas poñemos sobre a mesa compromisos e realidades, con total convicción, lexitimidade, valentía e responsabilidade, para que non haxa lugar ao postureo nin a tirar de argumentarios para eludir responsabilidades, desta volta non valen escusas”, afirmou contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Rematou agradecendo, de novo, ao BNG e ao PP que se sentasen a falar unha vez máis e “a súa vontade de diálogo e consenso”. E engadiu: “O PSOE é un partido de goberno e como tal estamos dispostos a asumir a nosa responsabilidade, como xa dixemos por nós non vai quedar, agora ben, a base fundamental ten que ser o pacto, o compromiso das tres formacións políticas para sacar adiante a cidade”.

Así mesmo, os tres partidos coincidiron en expresar que nada ten que ver o acontecido no Concello de O Carballiño coa situación excepcional e crítica de Ourense, a terceira cidade de Galicia, con unha poboación sete veces maior.

“Precisamente por iso se require non só de dous grupos políticos senón de tres, e non se trata de coalicións de goberno senón dun acordo histórico para desbloquear Ourense e garantir unha estabilidade poñendo os intereses da cidade por riba dos intereses partidistas, desde a responsabilidade e a lealdade de todos e cada un de nós a cada unha das organizacións que representamos”, subliñou a socialista.

E rematou explicando que quedaron emprazados, “de acordo cos tempos necesarios para cada partido, para a súa reflexión interna e toma de decisións orgánicas e institucionais”, para asinar o Pacto da Concordia definitivo en próximas datas e poñer á cabeza ao candidato/a alternativo a Alcaldía de Ourense, imprescindible para formalizar a moción de censura.

O BNG insta a chegar a un acordo canto antes

Durante a primeira reunión mantida polos grupos da oposición a pasada semana, os nacionalistas advertiron que estarían dispostos a apoiar un cambio de goberno sempre e cando o candidato ou candidata á alcaldía fose socialista.

Con todo, no día de onte, o concelleiro designado para negociar, Xosé Manuel Puga, asinaba un documento para impulsar o cambio na alcaldía e non descartaba ningunha posibilidade en canto á configuración dun novo goberno.

Os nacionalistas insisten na necesidade de sacar adiante a moción o antes posible "polo ben da cidade de Ourense", polo que agora o que queda é esperar a ver se PP e PSOE chegan a un acordo para seguir negociando.

O PP, chave do cambio

Para que a moción de censura saia adiante precisaríanse as sete firmas do PP, seis do PSOE e unha do BNG, que xa asegurou a rúbrica. Pese a que parece que a conversas entre os tres grupos da oposición están a dar os seus froitos, non é fácil que a cuestión poida solucionarse, polo menos, ata despois do vindeiro 13 de xullo, día no que está previsto que se celebre o Congreso Provincial do PP que, polo momento, só conta cun candidato formal: Luis Menor.

Os socialistas estarían dispostos a darlle tempo aos populares para tomar unha decisión, pero cabe lembrar que o propio Luis Menor amosouse esta semana escéptico ante a posibilidade de que a moción poida sair adiante, ao igual que xa o fixo o líder do PP galego, Alfonso Rueda, que cualificou a cuestión de "postureo institucional" por parte do PSOE.

Menor cuestionaba este mércores que os socialistas tiveran autorización das direccións provincial, galega e nacional para promover e negociar unha moción de censura contra o actual alcalde de Ourense, pedindo ao grupo municipal que aclarase a situación.

O actual presidente da Deputación de Ourense criticou que, precisamente, o PSOE desautorizase o acordo alcanzado no Carballiño "mentres promove unha moción de censura no Concello de Ourense, co pobre argumento de que a situación é diferente en Ourense".

Cabe lembrar que a última palabra para chegar ou non a un acordo para presentar unha moción de censura ao alcalde de Ourense será dos propios concelleiros e concelleiras do partido a nivel municipal. Sen embargo, a postura do líder provincial e do líder do PP galego podería complicar a situación.

0.17998814582825