A N-120 terá cortes de tráfico nocturnos en Ourense este martes e mércores

A Policía Local de Ourense deu a coñecer que a estrada Nacional 120, no seu treito da Avenida da Ribeira Sacra, terá restricións de tráfico durante as noites deste martes 25 e do mércores 26 de agosto.
As limitacións aplicaranse no tramo entre a rotonda que dá acceso ao centro da cidade, xunto á Ponte do Milenio, e a glorieta da rúa Pablo Iglesias, preto da Cruz Vermella. A causa son os traballos de mellora e acondicionamento que executará o Ministerio de Transportes e Mobilidade.
As obras faranse só en horario nocturno, entre as 21.30 horas e as 07.00 da mañá seguinte, coa intención de reducir as molestias ao tráfico. Non haberá corte total da circulación, senón un paso alternativo regulado nos dous sentidos entre ambas as rotondas. Malia iso, durante ese horario non se poderá acceder á N-120 dende a rúa Pablo Iglesias.
Colocarase sinalización provisional de obra e balizaranse os desvíos precisos nos puntos máis delicados para protexer tanto aos operarios como a quen circule pola zona.
O Concello pide a colaboración de veciños e condutores, que extremen a precaución ao volante, que planifiquen os seus desprazamentos con tempo e que respecten as indicacións do persoal de obra e dos axentes da Policía Local. Igualmente, agradece de antemán a comprensión ante as posibles molestias que xeren estes traballos.