A Noite Meiga de Ribadavia ultima os preparativos para a súa gran cita do venres

OurenseXa
Desfiles, mercado meigo, pasaxe do terror no castelo e a tradicional queimada completan unha xornada que arrincará pola tarde do 31 de outubro e se prolongará ata a madrugada
Halloween 2023
Imaxe de arquivo ilustrativa
27 Oct 2026

Ribadavia volverá converterse no escenario da Noite Meiga, unha das citas máis esperadas do calendario festivo do Ribeiro. Este venres 31 de outubro, a localidade despregará un amplo programa que combina propostas para todos os públicos, desde actividades infantís ata espectáculos nocturnos de ambientación terrorífica.

Antes de chegar á gran noite, o municipio xa vive o ambiente do Samaín con dúas exposicións abertas: na Praza de Abastos pode verse, ata o 1 de novembro, unha mostra de cabazas talladas elaboradas polo alumnado do CRA Amencer e do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, mentres que o Café Bar Aljama expón os carteis presentados ao concurso deste ano.

Entre as propostas máis novidosas figura 'O Roubo da Coroa', un escape room que se desenvolverá os días 30 e 31 de outubro na Igrexa da Madalena, con pases ás 16.00, 17.45, 19.45, 21.30 e 23.15 horas, ao prezo de 15 euros por entrada.

A tarde do venres será especialmente intensa. Desde as 17.00 horas, a Praza Maior e a Rúa Progreso acollerán propostas simultáneas: o Mercado Meigo instalarase na Rúa Progreso, mentres que a Praza Maior concentrará a Procura Meiga, a Escola Feiticeiras/os —con animación musical de Abelo Valis e a presenza do Gran Dragón e do Esqueleto Eustaquio—, o posto 'Activa-T' cos seus Cadeliños e Apócemas, e as instalacións 'O Espírito dos Medos' e 'O Espello das Meigas', este último un fotomatón temático.

Ás 18.00 horas arrincará 'A Marcha dos Esqueletos', espectáculo itinerante de Zeltia Eventos desde a Praza Maior. Media hora despois, ás 18.30 horas, o Auditorio da Casa da Cultura acollerá o mago Xulio Merino, cunha entrada de 3 euros. A tarde pecharase ás 19.00 horas coa actuación das Pandereteiras da Istoria na Praza Maior.

Coa chegada da noite, ás 20.00 horas partirá desde a Ponte San Francisco o Desfile Meigo, cos Xigantes de Ribadavia, os Cabezudiños, o Esqueleto Eustaquio, o Gran Dragón, os Tabaleiros da Istoria, 'Ollos do Terror' e outras comparsas. Nesa mesma hora e ata a medianoite, o Castelo dos Sarmiento —con acceso polo edificio do Xulgado, na Praza Maior— acollerá 'Pasaxe do Terror: As Sombras da Istoria', cunha entrada de 7 euros, aforo limitado e acceso restrinxido a maiores de 12 anos. As entradas, cuxa venda anticipada se abriu o día 23 a través de Anube Descanso, tamén se poderán adquirir o mesmo día do evento desde as 16.30 horas na oficina do MIT, cun máximo de catro por persoa.

O programa nocturno continuará coa danza 'Donas sen Cabaleiros' ás 20.50 horas e a actuación de Festicultores ás 21.00 horas, ambas as dúas na Praza Maior. Ás 22.15 horas, a fachada do castelo será escenario do espectáculo 'Fulgor', tamén de Zeltia Eventos. Pasadas as 23.00 horas, os Tabaleiros da Istoria percorrerán as rúas de Ribadavia e terá lugar 'Alerta Zombi', outro pasarrúas con saída desde a Praza Maior, mentres que ás 23.15 horas Festicultores repetirá a súa actuación.

A xornada encamiñarase cara ao seu peche coa tradicional queimada, que ás 00.30 horas percorrerá o traxecto desde a saída da Madalena ata o castelo, amenizada por 'As Lajartas'. Xa na madrugada, á 01.00 horas, o Club Artístico acollerá a sesión de 'DJ Meneo' que porá o ramo final á celebración.

Para quen non acuda disfrazado de meiga, bruxo ou outro personaxe fantástico, a organización suxire vestir de cor negra, un xesto simbólico para "afastar os malos espíritos". Na Praza Maior haberá un punto de información baixo o nome 'Activa-T' para resolver dúbidas durante toda a xornada.

0.14221000671387