A ourensá Leire Carrera, recoñecida como mellor jiujitsuka da tempada na Gala do Judo Galego

GaliciaXa | OurenseXa
O recoñecemento chega tras o seu quinto posto no Campionato de Europa e o seu liderado no ranking nacional
recoñecemento-leire-carrera
17 Jun 2026

A Federación Galega de Judo e Deportes Asociados celebrou o pasado sábado 13 de xuño a súa Gala anual no Hotel Carlos I de Sanxenxo (Pontevedra), un evento no que se deron cita diferentes representantes do judo galego, entre eles unha ampla representación ourensá vinculada ao Judo Club Marbel.

Ata a localidade pontevedresa desprazáronse os mestres do club Manuel Montero, Felipe Iglesias, Antía Fernández Morais, Pedro Gómez e Oliver Balvís, que participaron nunha xornada dedicada ao recoñecemento dos principais logros da tempada.

Un dos nomes propios da gala foi o da deportista ourensá Leire Carrera, distinguida como mellor jiujitsuka da tempada. Este recoñecemento baséase no seu quinto posto no Campionato de Europa da especialidade e no seu liderado no ranking nacional.

Durante o acto tamén se entregaron distintas distincións técnicas a membros do club ourensán. En concreto, Felipe Iglesias e Antía Fernández recibiron o 5º e 4º dan de judo, respectivamente, en recoñecemento á súa traxectoria e achega ao desenvolvemento desta disciplina.

De forma paralela á gala, celebrouse os días 13 e 14 de xuño o XXV Congreso de Mestres de Judo de Galicia, que reuniu aos técnicos de maior grao da comunidade autónoma co obxectivo de actualizar e unificar criterios metodolóxicos, ademais de abordar aspectos relacionados co alto rendemento.

O congreso contou coa participación do xudoca internacional Alberto Gaitero, subcampión europeo e participante nos Xogos Olímpicos de Tokio 2021, quen ofreceu diferentes ponencias ante os asistentes.

0.078274965286255