A ourensá Marta Mariño toma posesión como Directora Xeral de Traballo Autónomo

OurenseXa
Con este nomeamento queda completada a estrutura do departamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
marta-mariño-toma-posesion
Marta Mariño toma posesión como nova Directora Xeral de Traballo Autónomo
30 abr 2024

Marta Mariño Regueiro tomou posesión hoxe como directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, unha nova Dirección Xeral dentro do organigrama da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que responde á decisión estratéxica de seguir a impulsar o emprendemento e a economía social como vías de xeración de riqueza e emprego e de dinamización da nosa economía. Foi nun acto presidido polo conselleiro José González, quen destacou que con este nomeamento queda completada a estrutura do departamento que dirixe coa ilusión de prestar servizo aos galegos.  

O representante autonómico puxo en valor a conxunción na nova Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de tres competencias con “moita sinerxía e transversalidade” para avanzar no triplo obxectivo que se marca nesta nova etapa: “Conseguir un emprego de máis calidade e un mercado laboral cada vez máis inclusivo e dinámico, reforzar o tecido comercial de Galicia e atraer talento do exterior”.

A nova directora xeral, Marta Mariño, pola súa banda, definiu como estratéxicas as políticas de apoio ao emprego autónomo e á economía social para a construción dunha  “sociedade integradora e moderna” e marcouse como meta do seu traballo “obter unha mellora das condicións de emprego e de vida das galegas e galegos”.  

Natural de Ourense e afincada en Vigo, Mariño Regueiro é licenciada en Dereito pola Universidade de San Pablo CEU e Máster en Dereito da Propiedade Industrial na Cátedra ICEI. Completou a súa formación en universidades norteamericanas como Columbia ou William and Mary de Virxinia, así como na London Guidhall University de Londres, entre outras.

Tras uns anos de exercicio profesional en despachos e empresas do sector privado, Marta Mariño iniciou a súa traxectoria no sector público en 2008 como funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia e directiva da Administración autonómica. Secretaria territorial na Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra entre xullo de 2023 e febreiro de 2024, foi durante dous anos e medio xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e ocupou diferentes xefaturas nos últimos anos. Ten no seu haber o diploma de directiva da Administración autonómica.

Mariño é desde o pasado febreiro deputada autonómica pola provincia de Pontevedra no Parlamento de Galicia.