A ourensá Marta Vázquez Guzmán toma posesión como nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

GaliciaXa | OurenseXa
O acto de toma de posesión celebrouse no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela
Marta Vázquez Guzmán
14 Oct 2026

Marta Vázquez Guzmán tomou posesión ao fronte da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. A nova responsable, natural de Ourense, asumiu o cargo nun acto celebrado no edificio administrativo da Xunta en San Caetano, presidido polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.

Con esta incorporación, Vázquez Guzmán releva no posto a Marta Mariño Regueiro, quen deixou a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración tras solicitar o seu cese de forma voluntaria.

Formación académica

Nada en Ourense en 1975, a nova directora xeral é licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, centro no que tamén cursou os diplomas de Estudos Avanzados en Dereito da Libre Circulación e Traballo Autónomo, así como en Innovación e Calidade en Ámbitos Educativos.

A súa formación complétase con especialidades universitarias en Relacións Laborais, cursada na Universidade de Santiago de Compostela; en Formación Ocupacional, pola Universidade de Vigo; e en Resolución de Conflitos Escolares, tamén por esta última institución. Así mesmo, conta coa titulación de técnica superior en Prevención de Riscos Laborais, nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, e exerce como auditora en Prevención de Riscos Laborais e directora de Actividades de Tempo Libre.

Traxectoria na Xunta

A carreira profesional de Vázquez Guzmán está ligada á Xunta de Galicia desde 1999. Como funcionaria de carreira do corpo de Catedráticos de Ensino Secundario, na especialidade de Formación e Orientación Laboral, desempeñou diversas responsabilidades ao longo destes anos.

Entre elas destacan o seu paso como directora do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, así como os cargos de directora e coordinadora de Emprendemento do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel. Tamén exerceu como vicedirectora e xefa do departamento de Formación e Orientación Laboral do IES A Carballeira.

O seu último destino, que ocupaba desde xuño de 2024, era a dirección territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia de Ourense, posto que deixa agora para asumir esta nova responsabilidade autonómica.

0.15778112411499