A patinadora ourensá Sandra Gómez logra a quinta posición no Campionato Galego de Patinaxe Artística en Solo Dance

A patinadora ourensá Sandra Gómez Gómez acadou a quinta posición no Campionato Galego de Patinaxe Artística na modalidade de Solo Dance, celebrado esta fin de semana, 25 e 26 de abril, en Arteixo.
A deportista, integrante do Club Deportivo Ourela, competiu na categoría júnior na que foi a súa primeira participación nun campionato autonómico de primeira categoría a nivel individual, logrando un resultado destacado ao situarse entre as cinco mellores da comunidade.
A competición arrancou para Gómez na tarde do sábado coa execución da Style Dance, na que abriu o campionato actuando en primeiro lugar e acadando provisionalmente a sexta posición. Xa na xornada do domingo, coa Danza Libre, conseguiu mellorar a súa clasificación ao subir un posto, rematando finalmente quinta cun total de 61,21 puntos.
Esta puntuación supón unha mellora de case cinco puntos respecto ao Trofeo Xunta disputado hai menos dun mes, o que reflicte a evolución positiva da patinadora e o traballo realizado durante a preparación da cita autonómica.
O resultado cobra especial relevancia ao tratarse da única debutante da súa categoría, sendo ademais a mellor clasificada entre aquelas patinadoras que non obtiveran automaticamente a categoría nacional na pasada tempada.
Con este campionato, Sandra Gómez Gómez e o Club Deportivo Ourela pechan un intenso mes de abril, no que tamén participaron no Trofeo Xunta durante a Semana Santa e no Campionato de España de Cuartetos Júnior a semana anterior.
De cara ao mes de maio, será a quenda das patinadoras da modalidade de libre, con distintas competicións nas categorías rexional, amateur e de niveis. Pola súa banda, na modalidade de danza, a tempada de primeira categoría remata para Gómez tras non acadar a clasificación para o Campionato de España, mentres que as súas compañeiras de categoría rexional competirán o 11 de xullo en Vigo.