A Peroxa pon límites á corta de madeira nos seus montes cunha nova ordenanza

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O Concello aproba un novo marco normativo que condiciona a extracción de madeira ao cumprimento dunha serie de trámites e boas prácticas, con sancións que nos casos máis graves poden superar os 6.000 euros
madera-madeira-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
15 Oct 2026

A Peroxa conta desde agora cunha normativa propia para pór orde nunha actividade moi presente no seu territorio: a extracción de madeira en montes e terreos forestais. O Concello aprobou unha ordenanza que non só fixa que pasos deben seguirse antes de cortar, senón que tamén establece un catálogo de sancións para quen incumpra as súas disposicións.

As infraccións quedan clasificadas en tres categorías segundo a súa gravidade: as leves acarrearán multas de entre 750 e 1.000 euros, as graves oscilarán entre 1.001 e 6.000 euros, e as máis severas poderán alcanzar os 20.000 euros. Entre estas últimas inclúese unha conduta que, segundo apunta o propio Concello, vén sendo frecuente nas estradas do municipio: empregar as vías públicas como zona de acopio ou almacenamento de madeira cando iso supoña perigo para quen circula por elas. A partir de agora, esta práctica terá a consideración de falta moi grave.

Para evitar chegar a este tipo de sancións, a ordenanza marca unha serie de pautas que madeireiros e empresas deberán respectar mentres duren os traballos. Entre outras cuestións, será obrigatorio sinalizar convenientemente as zonas onde se estea a actuar, retirar e limpar todos os restos forestais unha vez concluída a corta, devolver os camiños e vías ao seu estado orixinal e garantir en todo momento que a circulación non se vexa interrompida. Así mesmo, ningunha actuación poderá comezar sen contar previamente coa autorización sectorial que corresponda.

Quen queira cortar madeira deberá notificalo ao Concello cun mínimo de 15 días hábiles de antelación. Nesa notificación terá que detallar quen é o propietario do monte, quen se vai encargar da madeira, que especie se vai cortar, ademais de achegar planos, referencias catastrais da finca e as datas nas que se prevé iniciar e rematar a actuación.

0.15984511375427