A piscina termal de As Burgas permanecerá pechada outros tres meses

OurenseXa
A piscina permanece pechada desde o ano 2020, tras o estalido da Pandemia
Piscina Termal das Burgas
10 Xuño 2024

A piscina termal de As Burgas continuará pechada, polo menos, tres meses máis. Así o fixo saber o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na sesión plenaria do mes de xullo.

A piscina permanece pechada desde o ano 2020, tras o estalido da Pandemia. Posteriormente e pola necesidade de adaptar as instalacións á nova lexislación, o Concello viuse obrigado a iniciar unhas obras que non chegaron a comezar ata xullo do pasado ano que serían que haber rematado nun prazo de cinco meses. Sen embargo, as instalacións continúan pechadas e así seguirán, polo menos, ata o mes de setembro.

Os populares denuncian a "incompetencia" do Goberno Municipal ante esta situación

Tras coñecer esta mañá na sesión plenaria do mes de xuño, que a piscina termal de As Burgas continuará pechada, o Grupo Municipal do PP lamenta que “para o alcalde sexa indiferente o termalismo, un dos principais motores turísticos, e por ende económicos, da nosa cidade, máis cando estamos entrando na tempada estival”, así o asegura a edil, Ana Méndez. “Isto é o que lle importa ao alcalde potenciar a nosa cidade e aproveitar os recursos naturais cos que conta”, critica a concelleira.

Ante esta situación o PP quere denunciar tamén as constantes mentiras do grupo de goberno en relación a piscina termal. “Dende fai meses, nas xuntas de área todos os grupos políticos interesámonos pola apertura destas instalacións, e chegóusenos a anunciar, incluso, que estaría aberta para este verán, e hoxe descubrimos que non”, critica a popular. “Son o goberno da mentira, minten en todo, -cos orzamentos, co transporte, cos servizos sociais, co PXOM, etc-, e agora tamén co termalismo”, engade a edil.

Os populares ven este feito como un ataque máis do alcalde ao termalismo. Nesta liña, a edil lembra que a día de hoxe, “temos as zonas termais abandonadas, pois oficialmente a Chavasqueira, Muiño da Veiga e Outariz continúan pechadas, e na Burga de Canedo só está ao 50% dos vasos abertos”.

Por outra banda, facendo fincapé nos datos do INE, que mostran unha tendencia notoria á alza da chegada de turistas a Ourense, a concelleira incide en que “é lamentable que a gran cantidade de visitantes que van chegar a Ourense este verán, se atopen unha piscina termal, en pleno casco histórico, pechada”. “Do único do que se preocupou o alcalde é de abrir as piscinas de Oira, pero esqueceuse de que os turistas non veñen á nosa cidade polas augas da piscina, senón polas augas termais”, conclúe.

0.095211982727051