“A prioridade neste momento é sacar a Jácome da Alcaldía"

OurenseXa
O BNG reafirma o seu compromiso coa moción de censura no Concello de Ourense: “que quede claro, este tren non volve pasar, ou é agora, ou non será”
Xosé Manuel Puga, Erea Blanco, Luís Seara, Rhut Reza, BNG de Ourense
21 Jun 2024

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá para dar conta do acontecido nos últimos días en relación ás reunións mantidas con PP e PSdeG-PSOE co obxecto de artellar unha moción de censura que permita desaloxar a Democracia Ourensana e a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía do Concello.

Luís Seara, Rhut Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco, reiteraron a plena disposición do BNG a que “a moción de censura sexa unha realidade se pode ser mañá, mellor que dentro de dous días”, motivo polo cal na reunión celebrada na tarde de onte os nacionalistas entregaron un documento proposta de moción de censura coa sinatura número catorce, “faltan as trece restantes, sete do PP e seis do PSOE, se asinan, en once días Jácome deixa de ser Alcalde”.

Luís Seara afirmou que “se algo demostrou o BNG nestas segunda reunión foi responsabilidade, coherencia e xenerosidade. Responsabilidade porque somos plenamente conscientes da situación pola que está a atravesar o noso concello, unha situación analizada no documento que onte vos entregamos”.

“A prioridade neste momento é sacar a Jácome da Alcaldía. Cada minuto que pasa con él na poltrona, é un minuto máis de sufrimento para maioría social e de degradación institucional para o noso concello. Por iso, nós antepomos os intereses da maioría social de Ourense aos intereses partidarios. Ímos agardar, como dixemos onte, un tempo prudencial pero non eternamente”, e engade, “que quede claro, este tren non volve pasar, ou é agora, ou non será”.

“Coherencia porque o BNG fai o que dí e dí o que fai. No mandato pasado propiciamos unha reunión para falar dunha moción de censura, á que o PP non acudiu. Hai un ano, no Pleno de investidura votamos ao candidato do PSOE podendo facelo por nós e agora dicimos o mesmo, moción de censura si, pero co Alcalde ou Alcaldesa do PSOE”.

“Xenerosidade porque o BNG non reclama unha cota de poder no novo goberno. Tampouco pomos condicións a como se debe conformar ese goberno, agás que o Alcalde ou Alcaldesa sexa do PSOE. Por tanto, nós non pomos liñas vermellas, nin facemos cordóns sanitarios”.

Outras das cuestións que quixeron deixar claro desde o BNG é que “tampouco nos ímos pór de perfil para falar e acordar sobre aquelas cuestións e proxectos que sexan beneficiosos para Ourense. Se o fixemos con Jácome, canto máis co novo goberno”.

Desde a formación nacionalista insisten en que o “prioritario neste momento é o rexistro da moción de censura a cal ten que incorporar si ou si un candidato á alcaldía polo tanto e en contra do que di o PP, non é que soamente falemos de nomes senón que é condición indispensable para que a moción prospere acordar quen será o futuro Alcalde ou Alcaldesa, reiterando que para nós a única condición é que sexa socialista”.

Seara afirma que “unha vez formalicemos a moción de censura e o Concello teña un novo Alcalde ou Alcaldesa, corresponderalle a el ou a ela a conformación do novo Goberno, nese momento sentarémonos e falaremos de todo o que sexa necesario, tendo claro que se é decisión do PSOE que o PP forme parte dese novo Goberno, para o BNG non será ningún impedimento”.

O Portavoz municipal Luís Seara deixou claro que, de prosperar a moción de censura, “desde o BNG non ímos bloquear a acción do novo Goberno, todo o contrario, sentarémonos, falaremos e acordaremos todas aquelas cuestións e proxectos que sexan beneficiosos para Ourense mais reiteramos que nesta primeira fase o fundamental é definir a moción de censura e iso pasa por asinala e por ter decidido ao candidato ou candidata”.

No BNG sinalan que na reunión de onte trasladáronlle a PP e PSOE que “non ímos participar de máis reunións que non sexan para clarificar a moción de censura. Non podemos facerlle perder o tempo á xente e xerar falsas expectativas que o único que contribúen é a crear máis frustración”, e engaden, “se os tres Grupos municipais temos claro que Jácome non pode seguir sendo Alcalde, resolvémolo nunha tarde, o que non ímos facer é participar en continuas reunións nas que non se avanza e nas que, sobor de todo, non se fala do que verdadeiramente é importante neste momento, definir o Alcalde ou a Alcaldesa alternativa a Gonzalo Pérez Jacome”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21644878387451