A provincia de Ourense volveu converterse nun dos escenarios do ciclismo de elite co paso da segunda etapa de ‘La Vuelta Femenina’

A provincia de Ourense volveu converterse nun dos escenarios do ciclismo de elite feminino coa celebración da segunda etapa de La Vuelta Femenina, unha proba que contou co apoio da Deputación de Ourense.
O presidente provincial, Luis Menor, estivo presente tanto na saída da etapa en Lobios como na chegada en San Cibrao das Viñas, destacando o valor deste tipo de eventos deportivos para a proxección do territorio. En palabras do propio presidente, trátase de “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo”.
A etapa, de 109 quilómetros, discorreu por diferentes puntos da provincia, incluíndo municipios como Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela, antes de concluír en San Cibrao das Viñas.
A vitoria foi para a corredora belga Shari Bossuyt, do equipo AG Insurance-Soudal Team, que se impuxo ao sprint na chegada. O podio e os recoñecementos foron entregados por Luis Menor e pola vicepresidenta primeira e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa.
Menor subliñou tamén a aposta da Deputación polo deporte feminino e a igualdade, sinalando que apoiar esta competición responde a “unha cuestión de convicción”. Engadiu ademais que iniciativas como esta permiten que “as rapazas ourensás coñezan a referentes deportivos de primeiro nivel competindo nas súas propias estradas”.