A sétima edición da Cavernícola Race de Barbadás bate récord de inscricións con máis de 500 participantes

OurenseXa
A competición, que combina forza, velocidade e resistencia nun entorno natural, forma parte da Liga nacional AOCO, da Liga Norte de España e da Aurum Terrae de Ourense
presentacion-cavernicola-race-2026
23 Apr 2026

A carreira de obstáculos Cavernícola Race Mapfre celebrará o vindeiro 9 de maio na Valenzá a súa sétima edición, na que xa se superan os 500 deportistas inscritos, converténdose na convocatoria con maior participación ata o momento. A proba, organizada polo Concello de Barbadás a través do Servizo Municipal de Deportes, mantén abertas aínda as inscricións.

Durante a presentación oficial, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a consolidación desta cita no calendario deportivo. “Trátase dunha carreira xa asentada no calendario das OCR na provincia, é unha das que ten máis participantes e maior prestixio” asegurou o rexedor, que subliñou ademais o carácter cada vez máis internacional do evento, destacando de “hai moitos deportistas que veñen de fóra da provincia e de Galicia, e incluso xente de Portugal”.

A competición, que combina forza, velocidade e resistencia nun entorno natural, forma parte da Liga nacional AOCO, da Liga Norte de España e da Aurum Terrae de Ourense. O coordinador deportivo, Diego López, puxo en valor esta presenza en distintas ligas, mentres que tamén destacou o traballo do equipo organizador e do Cavernícola OCR Team.

Como novidade, esta edición incorpora novos obstáculos e estrea unha categoría específica para os máis pequenos. “Este ano temos a Cavernícola Kids, que se celebrará o 17 de maio, e que xa está ao 50% de inscricións”, explicou Miguel Soto.

Na presentación participaron tamén representantes do ámbito deportivo e institucional, que animaron á cidadanía a achegarse a unha proba que cualificaron como un “auténtico espectáculo” e que segue gañando repercusión dentro e fóra de Galicia.

0.14234709739685