A Universidade de Vigo inicia unha nova tempada de rutas culturais

OurenseXa
O campus de Ourense acolleu a presentación deste programa, que incluirá seis rutas por distintos puntos da xeografía galega
Presentación das rutas culturais da UVigo para 2025
Presentación das rutas culturais da UVigo para 2025
22 Jan 2025

O campus de Ourense foi o escenario elixido para presentar a nova programación de rutas culturais organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A iniciativa, que terá lugar entre febreiro e abril, ofrecerá seis andainas por diferentes puntos de interese da xeografía galega. As rutas estarán abertas tanto á comunidade universitaria dos tres campus da UVigo como ao público en xeral.

Na presentación, que contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deportes, e Antonio Vázquez, de Xeitura, destacouse o éxito continuado desta iniciativa, en marcha desde 1999. Segundo explicaron, cada roteiro reúne unha media de 86 participantes, o que reflicte a excelente acollida destas actividades, deseñadas para promover un estilo de vida saudable e unha forma sostible de coñecer o patrimonio natural e cultural de Galicia. Durante o evento tamén se recordou a figura de José García-Calvo, coñecido como Willy, pioneiro e coordinador destas andainas durante décadas.

Percorridos que destacan o valor do patrimonio galego

Tras a excelente participación nos catro roteiros do primeiro cuadrimestre, a nova programación propón seis rutas que combinan diversidade, beleza paisaxística e un acceso asequible para os participantes. Na súa planificación, recolléronse suxestións dos habituais desta actividade, asegurando que cada andaina sexa adecuada tanto en dificultade como en distancia.

O primeiro percorrido terá lugar o 1 de febreiro, cunha ruta por Covelo e o Serradoiro dos Carranos, no espazo protexido do río Tea. A seguinte parada, tamén en febreiro, será na Ribeira Sacra, cunha visita titulada Bosques Máxicos de Castro Caldelas. En marzo, as actividades levarán aos participantes á Devesa da Rogueira, no Courel, para descubrir esta auténtica “xoia ecolóxica”, e á Ruta de Bande, centrada no Camiño de San Rosendo e Aquis Querquennis, un percorrido que segue antigas vías romanas.

A programación continuará en abril coas Fragas do Eume, recoñecidas como o bosque atlántico mellor conservado de Europa, e finalizará cunha etapa do Camiño dos Faros, entre Arou e Cabo Vilán, en Camariñas, o 26 de abril.

Como participar nas rutas culturais

As inscricións realízanse a través da plataforma Campus Activo da UVigo. A comunidade universitaria terá prioridade ata o luns previo a cada andaina, e as prazas que queden dispoñibles abriranse ao público xeral nos días seguintes. O prezo variará segundo o vínculo dos participantes coa Universidade de Vigo, estando abertas tamén a persoas alleas á institución.

Cada ruta, ademais, permitirá obter 7,5 horas ECTS por día de duración, e a organización ofrece servizo de autobuses desde os tres campus da UVigo para facilitar os desprazamentos. Animan a todas as persoas interesadas a participar, destacando non só a oportunidade de coñecer lugares emblemáticos de Galicia, senón tamén o bo ambiente que caracteriza estas actividades, onde os participantes disfrutan dunha experiencia enriquecedora e amena.

0.14831805229187