A UVigo abre a convocatoria da oitava edición dos premios do Campus Auga

GaliciaXa | OurenseXa
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 31 de xullo e os galardóns repartirán un total de 12.000 euros en diferentes modalidades
Campus_Auga_Ourense
17 Jul 2026

A Vicerreitoría do campus de Ourense da Universidade de Vigo abriu a convocatoria da oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. A iniciativa busca recoñecer e impulsar o traballo desenvolvido polo persoal docente e investigador, o persoal investigador e o alumnado nas diferentes áreas de especialización deste campus. O prazo para presentar candidaturas rematará o vindeiro 31 de xullo.

A convocatoria enmárcase nunha das accións estratéxicas do Campus Auga, acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, orientada a poñer en valor o labor da comunidade universitaria nas súas liñas de especialización. Segundo recolle a propia convocatoria, “trátase de contribuír desta forma a mellorar a proxección investigadora e social do campus de Ourense-Campus Auga, como un campus líder nestas temáticas”.

Os galardóns inclúen distintas modalidades. Haberá premios para o mellor traballo fin de grao ou fin de mestrado, para teses de doutoramento, para a mellor contribución científica de alto impacto publicada nos anos 2023, 2024 ou 2025, para o mellor resultado de transferencia e para accións ou actividades de divulgación científica.

No caso das contribucións científicas, considéranse válidos traballos publicados en medios propios de cada ámbito de coñecemento, como artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías ou recensións, entre outros.

Cada candidatura deberá estar vinculada obrigatoriamente a unha das liñas de especialización do Campus Auga: alimentación funcional, agricultura e medio ambiente ou xestión da auga termal. Tamén poderán presentarse traballos relacionados coas áreas transversais de soporte, como a intelixencia artificial, a economía circular ou a lexislación agroalimentaria e ambiental.

Poderán optar aos premios o persoal docente e investigador e o persoal investigador da Universidade de Vigo que se atope en servizo activo no momento da convocatoria, así como o alumnado matriculado nos cursos 2023-2024 ou 2024-2025 que cumpra os requisitos establecidos para cada modalidade.

As candidaturas serán avaliadas por unha comisión presidida polo director do Campus Auga e integrada por cinco representantes do persoal docente e investigador vinculados aos programas de doutoramento adscritos ao campus, ademais dunha persoa representante da empresa Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia.

Entre os criterios de valoración figuran a relación do traballo coas liñas de especialización do Campus Auga, a súa calidade e rigor científico, así como o impacto ou utilidade dos resultados acadados.

Os premios consistirán nun recoñecemento oficial da Universidade de Vigo mediante certificación, que será entregada, se é posible, nun acto institucional. Ademais, contarán con dotación económica. En todas as modalidades concederanse tres premios en metálico, agás na de divulgación científica, na que haberá un único galardón.

A contía global destinada a estes premios ascende a 12.000 euros e está incluída no convenio de colaboración subscrito entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para o financiamento do Campus Auga.

0.13412690162659