A UVigo e Indra impulsan unha cátedra sobre drons e aviación non tripulada

GaliciaXa | OurenseXa
A presentación tivo lugar no campus de Ourense, onde ambas as entidades senta as bases para desenvolver proxectos conxuntos de formación e investigación vinculados aos drons e á navegación aérea sen piloto
UVigo e Indra Cátedra
14 Oct 2026

Ourense conta desde este martes cun novo espazo de colaboración entre o mundo académico e o empresarial dedicado á aviación non tripulada. A Universidade de Vigo e a compañía Indra Group puxeron en marcha a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos, un acordo pensado para dar continuidade a traballos conxuntos de formación, divulgación científica e proxectos de I+D+i relacionados con drons, RPAS, sistemas de guiado e aeronaves sen tripulación.

Detrás desta aposta está tamén a vontade de facer medrar o peso de Galicia no sector aeroespacial, algo no que vén traballando a iniciativa Civil UAV, da que forman parte tanto a Administración autonómica como Indra e a propia universidade, coa idea de atraer innovación, desenvolvemento tecnolóxico e talento especializado á comunidade.

O acto de presentación reuniu a representantes de ambas as institucións: a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o responsable territorial de Indra en Galicia, José Luis Albo; a directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Nieves Lorenzo; e Fernando Veiga, profesor que se poñerá á fronte da nova cátedra.

Entre as intervencións, a reitora quixo situar esta iniciativa dentro dunha aposta máis ampla da universidade por tender pontes coas empresas e converter a investigación en resultados útiles para a sociedade. Nese contexto puxo como exemplo o percorrido da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, que nos últimos anos conseguiu facerse un oco cunha oferta formativa que esperta interese e con equipos capaces de investigar e ensinar nun campo de forte crecemento.

García Mateo insistiu en que seguir reforzando a área aeroespacial no campus ourensán é unha das prioridades da institución, algo que —explicou— se reflicte tanto no novo edificio que a escola ten en construción como no impulso aos lazos con empresas do sector. Ao seu xuízo, a cátedra é un paso máis nese camiño, pensado para abrir vías de formación, investigación e transferencia de coñecemento de forma estable no tempo. Remarcou, ademais, que o verdadeiro resultado deste acordo medirase na súa capacidade de pór o talento que se forma na universidade ao servizo de retos tecnolóxicos concretos, con repercusión na economía e na sociedade da contorna.

Pola súa banda, José Luis Albo relacionou o acordo coa estratexia de Indra para captar perfís especializados, en liña co crecemento das súas distintas áreas de negocio e a súa presenza en novos territorios, entre eles Galicia. Sinalou tamén que a empresa aposta por implicarse na formación, tanto universitaria como profesional, por tratarse de ámbitos onde se concentra boa parte do talento que necesita e onde pode achegar á innovación tecnolóxica e ao tecido industrial.

Indra Group defínese como unha multinacional española con forte presenza en Europa nos campos da defensa e a dixitalización avanzada. Desenvolve a súa actividade en áreas como defensa, espazo, xestión do tráfico aéreo, mobilidade e, a través da súa filial Minsait, tecnoloxías de transformación dixital, ademais de reunir baixo a marca IndraMind as súas liñas de traballo en intelixencia artificial, ciberseguridade e ciberdefensa. Segundo datos da propia compañía, pechou 2025 cuns ingresos de 5.457 millóns de euros, implantación local en 46 países e actividade comercial en máis de 140. Trátase, ademais, da segunda cátedra que Indra mantén coa Universidade de Vigo, tras a creada en 2023 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus vigués, centrada en enxeñaría e tecnoloxía.

Unha aposta polo futuro do sector aeronáutico galego

A conselleira de Economía e Industria aproveitou a súa intervención para recoñecer o traballo realizado no campus de Ourense arredor da formación aeroespacial e a súa capacidade para xerar relacións coa contorna económica. Agradeceu tamén a Indra a confianza depositada na universidade galega e no talento do territorio, e expresou o seu desexo de que este acordo derive en novas actividades formativas, proxectos de investigación e oportunidades laborais para os futuros egresados.

Lorenzana enmarcou a participación de Indra nun momento no que os límites entre os sectores tecnolóxico, aeroespacial, de seguridade e de defensa resultan cada vez menos nítidos. Na súa opinión, esta cátedra pode contribuír a que Galicia gañe autonomía tecnolóxica, no sentido de poder investigar, deseñar, desenvolver e manter sistemas clave con capacidades propias, sen depender exclusivamente de terceiros.

Fernando Veiga, á fronte da nova cátedra, definiuna como unha boa oportunidade para dar impulso á ciencia aeroespacial na provincia ourensá. Explicou que a súa actividade se integra na Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia e que se orientará sobre todo a usos civís dos drons, entre eles a prevención e extinción de incendios forestais, o salvamento marítimo ou a revisión de infraestruturas. Para a escola que dirixe Nieves Lorenzo, engadiu, supón unha vía para que o alumnado poida realizar traballos de fin de grao e mestrado ligados a problemas reais do sector, ademais de facilitar prácticas e contacto directo cunha empresa como Indra. Veiga destacou tamén o seu papel como ferramenta para reter talento en Galicia, de xeito que quen se forma na escola poida desenvolver a súa carreira profesional sen saír da comunidade, e definiuno como un impulso engadido para consolidar a investigación aeroespacial galega, con Ourense como un dos seus focos principais.

Liñas de traballo: formación, divulgación e proxectos de I+D+i

O convenio asinado por ambas as entidades recolle o interese compartido de avanzar de forma conxunta no terreo docente e investigador, con especial atención ao deseño de tecnoloxía propia en sistemas de guiado e control avanzados, plataformas aéreas de nova xeración, así como en solucións híbridas e eléctricas aplicadas á propulsión e a sistemas de misión. O obxectivo declarado é dar maior visibilidade ao sector aeroespacial entre estudantado e persoal investigador, e favorecer que universidade e empresa traballen de forma coordinada no desenvolvemento tecnolóxico.

Para iso, o acordo organízase arredor de tres grandes bloques de actividade. No apartado formativo, contémplase o desenvolvemento de traballos de fin de grao e mestrado vinculados á cátedra, así como o reforzo do convenio de prácticas que xa manteñen ambas as entidades. En materia de divulgación e transferencia, as accións previstas van desde charlas en centros de secundaria para achegar o sector a futuros estudantes ata actividades abertas ao público xeral, pasando pola organización dun reto universitario orientado a fomentar a innovación entre escolas de enxeñaría de distintos puntos do país. Tamén se inclúen actuacións STEM dirixidas a reducir a fenda de xénero no ámbito aeroespacial e accións de colaboración con asociacións de estudantes. O terceiro bloque, centrado no fomento da I+D+i, prevé estudar a posibilidade de optar a axudas de doutoramento industrial e desenvolver traballos de investigación sobre seguridade operacional en voos de drons, redución de riscos en terra durante operacións con sistemas non tripulados e navegación aérea autónoma.

0.14850497245789