A UVigo impulsa unha nova unidade de investigación para mellorar a sostibilidade e a calidade na avicultura de carne

GaliciaXa | OurenseXa
O proxecto conta coa colaboración de Coren, Sertogal e a Xunta de Galicia
proxeto-uvigo-coren
11 Jun 2026

O campus de Ourense acolleu este xoves a presentación dunha Unidade Mixta de Investigación chamada Sostenave (Estratexias integrais para a mellora da sostibilidade e da calidade na avicultura de carne), unha iniciativa promovida pola Universidade de Vigo en colaboración con Coren e Sertogal e coa participación da Xunta de Galicia. O seu propósito é avanzar na introdución de tecnoloxías dixitais avanzadas nas explotacións avícolas e mellorar a eficiencia dos procesos produtivos.

O proxecto, liderado pola UVigo, conta cun financiamento total próximo aos 4,4 millóns de euros. Deles, 1,8 millóns proceden da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e o resto está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do programa Galicia Feder 2021-2027. Na iniciativa participan tamén diferentes centros de investigación da universidade vinculados aos ámbitos da agroecoloxía, a física e a computación, así como o Campus Auga de Ourense.

Durante a xornada de lanzamento explicáronse os obxectivos e liñas de traballo da unidade, ademais de promover a cooperación entre os axentes do ecosistema galego de innovación agroalimentaria. Na apertura, o reitor da Universidade de Vigo destacou o potencial investigador do campus de Ourense e sinalou que a institución está situada no Global Ranking of Academic Subjects, da Shanghai Ranking Consultancy, no posto 17 mundial en investigación en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Tamén subliñou que a posta en marcha da unidade “é unha iniciativa magnífica” que “encaixa moi ben coas capacidades que ten o campus”.

Pola súa parte, a dirección da Axencia Galega de Innovación destacou que este tipo de unidades combinan investigación e transferencia de coñecemento, incorporando tamén investimento privado, e sinalou que poden ter un impacto relevante no ecosistema innovador galego. Afirmouse ademais que a iniciativa “ten todos os elementos para ser exemplo dun gran proxecto digamos case de país e moi importante para Ourense”.

A coordinadora da unidade explicou que o seu traballo se centra na investigación aplicada para dar resposta a desafíos reais da industria agroalimentaria. Entre os seus obxectivos están mellorar a eficiencia enerxética das naves avícolas, reforzar o benestar animal e reducir o impacto ambiental da produción.

O proxecto estrutúrase en tres grandes liñas: sustentabilidade e benestar animal, nutrición de precisión e calidade, e dixitalización e industria 4.0. Estas áreas inclúen desde a optimización do consumo enerxético ata o uso de visión artificial para avaliar a calidade das canles ou a aplicación de xemelgos dixitais e estratexias de economía circular.

A investigación desenvolverase en varias fases, desde estudos en laboratorio ata probas en contornas reais. Tal e como se explicou, “seguindo unha escala de madurez tecnolóxica que garante a aplicabilidade dos resultados”. A actividade incluirá tamén probas en planta piloto da universidade e ensaios en granxas, co obxectivo de validar as melloras en condicións reais de produción.

En total, participan 58 persoas investigadoras no proxecto, ás que se engaden outras 27 colaboradoras en distintas liñas de traballo. A unidade aspira a mellorar a competitividade do sector agroalimentario galego, promovendo a sustentabilidade, a eficiencia dos recursos e a produción de alimentos de maior calidade.

0.12910199165344