A veciñanza de Torres do Pino terá un servizo especial de autobuses mentres duren as obras da Estrada de Vigo

O Concello de Ourense activa un dispositivo especial de transporte urbano para dar resposta ao grave problema de incomunicación que sofren os veciños da zona de Torres do Pino, con motivo do corte de tráfico provocado polas obras da Estrada de Vigo e tras numerosas protestas.
Ante a parálise desta infraestrutura de competencia estatal e as queixas veciñais, o Concello porá en marcha un itinerario alternativo. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, defende a xestión do executivo local que, asegura, “actúa con axilidade”, maila que a situación levaba enquistada varias semanas, e carga directamente contra a administración estatal á que acusa de “ineficacia”.
O percorrido de ida do servizo partirá de Torres O Pino (Estrada de Vigo- Piñeiro), realizando un cambio de sentido (Camiño Pista Vía Vella- Tar) para incorporarse á N.120. Continuará pola Rotonda Eulogio Gómez Franqueira e a Rúa Eulogio Gómez Franqueira (C.535) ata alcanzar a Estación Intermodal. O retorno efectuarase pola Rotonda Avda. dás Caldas, pasando novamente pola Intermodal e a Rúa Eulogio Gómez Franqueira (C-535) cara á N.120, finalizando en Torres O Pino (Estrada Vigo-Piñeiro).
Para asegurar a cobertura durante as franxas de maior demanda, especialmente enfocadas en desprazamentos sanitarios e xestións administrativas, este servizo extraordinario operará nun horario continuo dende as 07:30h ata as 14:30h, de luns a venres.