A voz dos alcaldes: Ricardo González, rexedor de Toén

OurenseXa
O rexedor de Toén fala do seu camiño ata a Alcaldía, dos proxectos dos que se sente máis orgulloso e dos retos pendentes do Concello
Ricardo González Alcalde Toén
4 Oct 2026

Ricardo González chegou á política da man do seu antecesor no cargo e, tras compatibilizar durante anos a alcaldía cun posto directivo no sector farmacéutico, optou por dedicarse en exclusiva a Toén. Nesta entrevista, o alcalde repasa os sacrificios e as satisfaccións do cargo, defende os proxectos que marcaron o mandato - desde o Centro de Loita Contra o Lume ata o novo campo de fútbol - e adianta as súas prioridades se os veciños lle renovan a confianza.

Podería explicarnos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido?

Foi Amancio Cid, anterior alcalde de Toén, quen me propuxo acompañalo na lista para as eleccións de 2015. Eu entendía que iría en postos do fondo da lista, pero o alcalde convenceume para ir como número dous.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Tras os resultados do 2015, volvemos a gobernar o Concello e o alcalde nomeoume 1º teniente alcalde. Amancio Cid xa comunicara nas eleccións do 2015 que non ser volvería a presentar. Durante eses catro anos, co apoio do resto do equipo de goberno, o alcalde adicou xenerosamente moitas horas a prepararme como candidato para 2019. Amancio Foi o mellor mentor que podía ter, e lle estarei sempre agradecido pola súa xenerosidade e confianza.

Que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello a nivel persoal?

A responsabilidade dun alcalde non entende de horarios, polo que terminas adaptando os plans familiares e personales aos compromisos da alcaldía. Esto é máis importante do que parece, porque a decisión é para varios anos - polo menos catro - e a familia ten que estar de acordo con estas concesións.
No ámbito profesional, tras varios anos compatibilizando a alcaldía coa dirección nunha compañía farmacéutica, tomei a decisión máis importante no laboral, que foi deixar a miña traxectoria como directivo para adeicarme en exclusiva á política local.

E beneficios?

A recompenesa é poder mellorar a calidade de vida dos veciños de todas as idades. Son moi afortunado de ter un equipo de concelleiros e concelleiras que me fan moito máis doado o traballo de alcalde. E sobre todo o afecto da veciñanza en cada parroquia, onde sinto que aprezan o meu traballo e o do meu equipo. Son moi esixentes, pero tamén comprensivos co tempo que leva conseguir a inversión e desenvolver cada proxecto.

Cando deixe a función de alcalde gustaríame marchar coa convicción de que “fixen o meu traballo. Fixen o que Toén precisaba para ser un Concello mellor para vivir”

Como equilibra a vida pública e a privada?

Non me resulta difícil este equilibrio. A miña prioridade é o compromiso coa veciñanza do Concello de Toén. Cando esas obrigas deixan tempo, son un apaixoado de adicar tempo á miña muller, gústame visitar á miña filla que está estudando en Madrid, e desfruto moito de pasar momentos fantásticos cos meus amigos.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Cumprir coa palabra dada aos meus veciños e veciñas. Non defraudar á confianza que che dan os votos é unha obriga persoal. Esta lealtade é básica na miña forma de ser. O foi durante máis de 25 anos na empresa privada, e o sigue sendo na miña vida política, e tamén no ámbito persoal.

Ser alcalde é unha das honras máis grandes que pode ter un político, e si os veciños e veciñas de Toén o deciden, quero seguir sendo o seu alcalde máis alá do 2027. O Partido Popular é un gran partido dirixido con acerto polos nosos presidentes, e como membro desta organización estou á súa disposición, sempre con Toén no centro do meu pensamento e das miñas prioridades

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Nestes sete anos temos avanzado na mellora dos servizos municipais. Temos núcleos con mellores firmes, con mellor iluminación. Invertimos na mellora de saneamentos e abastecementos e fixemos un importante esforzó por mellorar os espazos de lecer para a veciñanza, e dende fai escasas semanas desfrutamos dun excelente campo de fútbol municipal.

O concepto clave do meu equipo de goberno é facilitarlle aos veciños poder vivir no Concello de Toén toda a vida. Con esta idea no centro, no próximo mandato teremos unha residencia de maiores da Xunta de Galicia no Concello, unha escola deportiva para os nenos e nenas, un novo polideportivo, modificaremos o PXOM de xeito que sexa o máis amplo dentro do posible para que sexa máis doado poder edificar no Concello de Toén. Seguiremos mantendo a calidade dos servizos e manteremos o noso compromiso de crear espazos públicos de calidade para o lecer. Permítame que non descubra todo o programa, e que quede algo para anuncialo cando corresponda (risas).

Cales son as principais liñas do seu programa?

Como lle indicaba anteriormente: facilitar a chegada de novas familias que desexen construir o seu futuro no Concello de Toén. Que poidamos disfrutar aquí toda a vida sen ter que marchar por obriga, e sexamos un lugar excelente para vivir. Dispoñer no Concello de instalacións públicas moderna, con actividades deseñadas para todas as idades.

Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?

Dispor dunha conexión de internet de alta capacidade en todos e cada un dos núcleos de poboación. É imprescindible para estudantes, para profesionais e para o tempo le lecer de todos os veciños. O despregamento da fibra óptica é unha débeda do goberno central que está tardando moitos anos máis do que é razonable si queremos que a xente viva no rural.

Ten algún/s proxecto/s do que se sinta máis orgulloso?

O Centro Integral de Loita Contra o Lume de Toén, en San Pedro de Moreiras, é unha referencia internacional na formación de bombeiros forestais de Galicia, do resto de España e de Europa. A Xunta de Galicia valorou a nosa proposta para instalalo en Toén e é un orgullo que se coñeza o Concello en toda España por este centro, que ten que seguir medrando para ser unha verdadeira universidade do lume.

O novo campo de futbol sintético. Foi unha gran inversión necesaria para o presente e futuro do Concello. No 2027 teremos escola deportiva e as instalacións nos permitirán desenvolver outras iniciativas deportivas e sociais.

Mercar unha carballeira de 9.000 m2 ao carón do río en Puga foi unha oportunidade fantástica que soubemos aproveitar, e hoxe é un dos lugares máis visitados do Concello. Tamén mercamos unha casa extraordinaria ao carón desta carballeira para convertila na Casa do Pai Miño. O proxecto conta co visto bo dos Presidentes Alfonso Rueda e Luis Menor, pero a Confederación Hidrográfica segue sen comprometer a súa parte de inversión dende que coñece o proxecto, no ano 2023. O meu equipo e mais eu non imos a desisitir para conseguir un proxecto como merece o noso Pai Miño e esta ribeira do río.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Unha persoa cercana que se preocupa cada día polos seus veciños e polo seu Concello. Alguén con quen se pode falar e que cumpre coa palabra dada.

Como é a súa relación coa oposición?

Correcta. Fan unha boa labor porque todos os representantes públicos queremos o mellor para os nosos veciños, e merecen toda a miña consideración.

EN CLAVE PERSOAL

Idade
50 anos

Estado civil
Casado
Formación
Área da saúde e dirección de empresa
Profesión
Alcalde. Anteriormente directivo nacional no sector farmacéutico

Se non fose empresario, que lle gustaría ser?
Mentor de novos emprendedores

Que quería ser de maior?
Piloto de helicóptero

Que fai para desconectar?
Pasar tempo coa miña familia e amigos. Disfrutar da costa de Galicia

Unha virtude
Lealdade
Un defecto
Quero todo para xa

Un consello para compartir
Fai o necesario para poder durmir cada noite coa conciencia tranquila

Unha afección
Os coches

Un lugar que visitar
Toén
Unha comida
Ovos de casa con patacas de casa… e se cadra unha chouriciña de casa, por suposto

Unha bebida
Viño do Ribeiro

Unha persoa admirada
meu pai (EPD). Foi unha persoa sencilla que fixo o mellor para a familia e foi moi querido por amigos, compañeiros e por suposto por toda a familia

Unha posesión prezada
Un chaveiro que foi do meu pai con forma de cruz cristiana

Un desexo
Ver á miña filla feliz cumprindo os seus obxectivos de vida

Algo para esquecer
As bágoas da miña muller, enfermeira, cando no COVID lle falecían pacientes todos os días no hospital. Chegaba chorando cada día a casa pola impotencia, e polo risco de traernos unha enfermidade descoñecida e mortal

Que é o que máis valora nunha persoa?
A formalidade

Un desafío pendente
Correr o Rally de Ourense

Onde se ve en cinco anos?
Respondendo as súas preguntas, podendo dicirlle con humildade: “fixen o que os meus veciños esperaban de min”

0.16161513328552