A XIX Copa Galicia de Xadrez reunirá este sábado en Ourense a 300 participantes

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación da XIX Copa Galicia de Xadrez – Maristas Ourense 2026 / Memorial Emilio Rodríguez, unha cita que se celebrará este sábado 13 de xuño no polideportivo do colexio Maristas.
O torneo reunirá 300 deportistas de diferentes idades e prevé congregar preto dun milleiro de persoas entre participantes e público asistente. A organización destaca o carácter consolidado do evento, que continúa a medrar tanto en participación como en nivel competitivo.
A competición contará con xogadores procedentes das catro provincias galegas, de Castela e León e de Portugal, entre os que se atopan varios campións galegos individuais, deportistas que formarán parte da selección autonómica no próximo Campionato de España e máis de 100 xogadores con ránking internacional.
O evento presenta tamén un forte carácter interxeracional, con participantes de idades comprendidas entre os 5 e os 81 anos, e servirá ademais como homenaxe a Emilio Rodríguez, exprofesor do colexio Maristas e figura clave na consolidación do torneo durante as súas primeiras edicións.
A actividade comezará ás 16.00 horas coa inauguración, mentres que as partidas se desenvolverán desde as 16.15 horas ata o acto de clausura e entrega de premios, previsto para as 20.15 horas.