A Xunta e o Concello de Cartelle estudan ampliar a rede de saneamento ata o núcleo de Doniz

OurenseXa
Trátase do único núcleo do municipio que aínda non conta con conexión á rede
Ángeles Vázquez e Jaime Sousa
Ángeles Vázquez e Jaime Sousa
16 Apr 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Cartelle mantiveron un encontro de traballo para analizar posibles vías de colaboración que permitan ampliar o sistema de saneamento municipal e levalo ata o lugar de Doniz, o único núcleo do municipio que aínda non conta con conexión á rede.

Durante a reunión, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, abordaron esta actuación na que Augas de Galicia estudará o proxecto técnico que prevé presentar o goberno local. O obxectivo é avanzar na definición e posible financiamento das intervencións necesarias para facer realidade a conexión.

Segundo se trasladou no encontro, o organismo autonómico analizará as distintas opcións para executar a obra, entre elas as liñas de axudas que convoca anualmente para sistemas de depuración autónomos, destinadas a pequenos núcleos de poboación, con subvencións de ata 20.000 euros.

Na reunión tamén participaron a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen lembraron ademais que segue aberto o prazo para que as entidades locais soliciten axudas destinadas a auditorías das redes de saneamento, unha ferramenta que permite detectar deficiencias e planificar melloras.

A Xunta subliña que, aínda que a xestión do saneamento, abastecemento e depuración corresponde aos concellos, mantén unha liña de apoio técnico e económico aos municipios que o precisen, co obxectivo de mellorar as infraestruturas hidráulicas e reforzar a resiliencia do sistema.

0.11701989173889