A Xunta e o Concello de Xunqueira de Ambía colaboran para fomentar a formación para o emprego

O municipio benefíciase do obradoiro de emprego dual promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da provincia de Ourense e da iniciativa de contratación Aprol rural
José González, Zeltia Lado e José Luis Gavilanes
17 Feb 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo unha xuntanza co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para avanzar na colaboración que mantén o Goberno galego con este concello ourensán en materia de formación para o emprego en ámbito como a construción e o forestal.

Neste sentido, analizaron o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual Terra de Mosteiros 2024, do que forma parte este concello e promovido pola Mancomunidade voluntaria de concellos da provincia de Ourense, e tamén se tratou a iniciativa Aprol rural.

O obradoiro dual o do que se beneficia Xunqueira de Ambía con outros municipios da zona, conta cun investimento total da Xunta de preto de 418.000 euros que permite a formación de 20 persoas desempregadas desa comarca ourensá en especialidades con demanda nesa área, relacionadas coas operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización ou de formigón, así como cos traballos forestais.

En canto ao programa Aprol Rural, Xunqueira de Ambía obtivo no marco da convocatoria de 2024 un apoio de máis 48.300 euros para a contratación de tres traballadores para realizar tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais como a planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa. O obxectivo é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

0.16843891143799