A Xunta e o Goberno trasladan aos alcaldes da Ribeira Sacra o seu compromiso coa candidatura a Patrimonio Mundial

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
As institucións escúdanse nos argumentos favorables do informe de Icomos e confían na resolución do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, que se coñecerá a finais de xuño
xuntanza-candidatura-ribeira-sacra
9 Jun 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, trasladou este martes aos alcaldes dos municipios da Ribeira Sacra o compromiso da Xunta de Galicia e do Goberno central para continuar defendendo a candidatura deste territorio á declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.

Nun encontro celebrado en Sober, no que tamén participou o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, analizouse o contido do informe elaborado polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) e pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, organismos encargados da avaliación técnica da proposta.

Segundo explicou López Campos, o documento contén “múltiples argumentos favorables” que animan ás administracións implicadas a continuar traballando na defensa da candidatura. Entre os aspectos destacados figuran o estado de conservación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, a súa protección xurídica e os valores patrimoniais e ambientais dun territorio que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense.

O conselleiro salientou tamén que o informe pon en valor iniciativas vinculadas ao turismo sustentable, así como elementos característicos da zona como os socalcos, as cavaduras, os muíños, o patrimonio monástico ou as tradicións culturais de carácter inmaterial. Ademais, destacou o recoñecemento á coordinación entre administracións e á implicación dos distintos actores locais ao longo de todo o proceso.

Á vista destas consideracións, López Campos confirmou que Xunta e Goberno central seguirán colaborando nas próximas semanas para “facer achegas e aclaracións precisas e defender o proxecto ata o final”. Neste contexto, cualificou a candidatura como “un reto difícil, pero no que confiamos na potencialidade deste territorio”.

Durante a reunión tamén se abordou o papel de Icomos dentro do procedemento. O titular de Cultura lembrou que se trata dun órgano asesor da Unesco e que os seus informes teñen carácter consultivo. “Polo tanto informa e recomenda, pero non é vinculante”, indicou.

Na mesma liña falou a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, que salientou que a Ribeira Sacra “reúne valores excepcionais desde o punto de vista cultural, paisaxístico e histórico, resultado da relación secular entre o territorio e as persoas que o habitan, que fixeron posible unha paisaxe única marcada pola viticultura e a riqueza natural dos canóns do Sil e do Miño”.

A subdelegada destacou tamén que “a colaboración institucional é fundamental para consolidar unha candidatura sólida e rigorosa, capaz de acadar o recoñecemento da UNESCO”. Neste sentido, puxo en valor o traballo conxunto das administracións e dos axentes do territorio para impulsar este proxecto común.

Olimpia López expresou a súa confianza en que o recoñecemento como Patrimonio Mundial sexa un feito, “que reforzaría a visibilidade internacional deste territorio e o seu enorme valor patrimonial”.

Así mesmo, lembrou que o Goberno está a impulsar en Galicia un modelo turístico máis sostible, diversificado e de maior valor engadido, en consonancia cos principios que representa a Ribeira Sacra e que contribúe a xerar oportunidades económicas, emprego e cohesión territorial.

Pola súa banda, o Deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, subliñou o compromiso da Deputación de Lugo con esta candidatura, lembrando que a institución provincial apoiou esta iniciativa desde os seus inicios. “Xa no ano 2011, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, a Deputación impulsou unha ampla campaña de mobilización institucional e social que permitiu reunir máis de 40.000 sinaturas en apoio da declaración”, recordou.

O deputado destacou ademais que a institución provincial mantén un seguimento constante de todo o proceso, participando nos distintos encontros de coordinación e colaborando de maneira permanente co resto das administracións e entidades implicadas para contribuír a acadar o recoñecemento internacional da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

A decisión definitiva sobre a candidatura corresponderá ao Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, integrado por representantes de 21 países, que se reunirá a finais do próximo mes en Corea do Sur para avaliar as propostas presentadas. Segundo explicou o conselleiro, os membros deste órgano recibiron información sobre a candidatura galega durante unha presentación celebrada en Madrid o pasado mes de abril.

0.12682414054871