A Xunta entrega unha vivenda pública en alugueiro no Casco Histórico de Ourense

OurenseXa
O inmoble, situado na rúa do Vilar, forma parte das actuacións impulsadas polo Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda
entrega-vivenda-ourense
11 May 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este luns na entrega das chaves dunha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro situada na rúa do Vilar, no Casco Histórico da cidade.

Segundo explicou o representante autonómico, a vivenda conta cunha superficie de 50,65 metros cadrados distribuídos en vestíbulo, cociña, salón-comedor, baño e un dormitorio. O inmoble dispón ademais de praza de garaxe, un rocho de cinco metros cadrados e un lavadoiro-tendedeiro de 8,5 metros cadrados situado na planta baixa.

Durante a visita, Manuel Pardo sinalou que a persoa beneficiaria xa pode instalarse na vivenda e indicou que a renda mensual se establecerá en función dos ingresos da unidade familiar. O delegado territorial destacou que este tipo de actuacións representan “unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns”. Ademais, lembrou que as persoas interesadas en optar a este tipo de adxudicacións poden anotarse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en calquera momento do ano. Pardo tamén incidiu nas medidas impulsadas pola Xunta para ampliar o número de potenciais beneficiarios, especialmente entre a mocidade. Neste sentido, avanzou que se incrementará o límite máximo de ingresos esixidos para acceder ás convocatorias.

Como novidade, explicou que nas vivendas destinadas á venda reservarase un 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos. Mantense tamén a reserva do 25% das novas vivendas para venda destinadas a menores de 36 anos e do 40% no caso das promocións en alugueiro.

0.11980009078979