A Xunta promove en Ourense unha campaña para reducir o impacto ambiental da festa de San Xoán

GaliciaXa | OurenseXa
A iniciativa inclúe un decálogo de recomendacións para celebrar San Xoán sen residuos e con respecto ás contornas naturais
campaña-reciclaxe-san-xoan-ourensejpg
23 Jun 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, a área recreativa das Pontes para difundir a campaña “Reciclar é coidar o San Xoán”.

A iniciativa inclúe un decálogo de consellos para celebrar esta festividade “sen deixar pegada nas nosas contornas e areais”, co obxectivo de fomentar boas prácticas ambientais durante as celebracións.

Durante a visita, o delegado territorial fixo un chamamento a manter limpas as áreas de lecer e as contornas das praias fluviais, así como a respectar a conservación dos valores naturais.

Manuel Pardo explicou que o decálogo recolle recomendacións tanto previas como posteriores á celebración da noite de San Xoán. Entre elas, destaca a importancia de calcular correctamente o número de asistentes para evitar excedentes de comida e bebida e favorecer o aproveitamento dos alimentos ao día seguinte, co fin de reducir o desperdicio alimentario.

Tamén se recomenda o uso de friameiras, vaixela e bolsas reutilizables, así como a compra de produtos a granel fronte aos envasados para diminuír a xeración de residuos.

No que respecta á localización das fogueiras, o delegado territorial lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e incidiu na necesidade de ter en conta a presenza de fauna e flora mesmo en zonas non protexidas.

Ademais, fixo especial fincapé en evitar o uso de altofalantes de gran potencia para reducir a contaminación acústica e recomendou que só se queime madeira nas cacharelas.

Unha vez rematada a celebración, a campaña subliña a importancia de recoller todos os residuos xerados e depositalos no contedor correspondente para garantir o seu correcto tratamento.

0.12780404090881