A Xunta reforza promoción da candidatura da Ribeira Sacra ante os 21 países que a avaliarán na Unesco

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A candidatura encara oficialmente a súa final e será avaliada o vindeiro mes de xullo en Busán, en Corea del Sur
ribeira-sacra-canon-do-sil-recurso
15 Apr 2026

A Xunta de Galicia intensifica a promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial cun encontro en Madrid con representantes diplomáticos dos 21 países que participarán na avaliación final da proposta o vindeiro mes de xullo. A cita tivo lugar na Casa de Galicia e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e do ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

Durante o acto, o responsable autonómico trasladou aos embaixadores os “atributos únicos” da candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, subliñando que se trata dunha proposta “sólida” e “novidosa” dentro da listaxe de bens aspirantes ao recoñecemento internacional. Segundo destacou, o proxecto é froito dun “traballo exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre a Xunta e o Goberno central, e constitúe “unha candidatura de país ante un reto compartido e ilusionante”.

López Campos tamén puxo en valor a colaboración institucional, agradecendo a “coordinación e acompañamento constante” do Executivo estatal, así como a implicación do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta. Neste sentido, enmarcou o encontro dentro das “citas claves” para dar “máis pulo aínda” á candidatura antes da súa avaliación no Comité de Patrimonio Mundial, que se celebrará en Busán (Corea do Sur).

O conselleiro incidiu en que a proposta se sustenta nos valores “excepcionais e únicos” da Ribeira Sacra, facendo fincapé nunha paisaxe modelada pola auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. Así, destacou tanto a singularidade dos canóns e vales fluviais como o seu patrimonio hidráulico, con elementos que se remontan á Idade Media, como muíños ou outras infraestruturas vinculadas ao aproveitamento da auga.

Ademais, convidou os representantes internacionais a visitar o territorio “in situ”, integrado por 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense, para comprobar “o seu valor excepcional universal”. Segundo indicou, trátase dun patrimonio “que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia calidade”.

Como parte da recta final do proceso, a Xunta prevé completar estas “accións decisivas” cunha nova xornada promocional en París, organizada en colaboración coa embaixada española ante a Unesco e o Ministerio de Cultura. Esta iniciativa, segundo explicou López Campos, será “un paso máis dentro dun conxunto de actuacións das que debemos sentirnos satisfeitos”.

O titular de Cultura concluíu amosando confianza en que a candidatura galega poida acadar “o merecido e honroso recoñecemento internacional” na decisión que se adoptará este verán.

0.13631010055542