A Xunta reivindica en San Cibrao das Viñas a Artesanía Alimentaria como motor para reforzar a competitividade do sector agroalimentario

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este martes na primeira sesión de Aula Aberta. Xornadas de divulgación e degustación de produtos alimentarios artesanais, celebrada no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas. O encontro estivo centrado nos derivados cárnicos e serviu para analizar o papel da Artesanía Alimentaria na diferenciación dos produtos galegos.
Durante a súa intervención, Alemparte destacou que esta figura forma parte da estratexia da Xunta para potenciar a calidade diferenciada como ferramenta para incrementar a competitividade do sector agroalimentario, achegar valor engadido ás producións e reforzar a identidade dos alimentos elaborados en Galicia.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria incidiu en que un dos principais desafíos do sector pasa por conseguir que os consumidores escollan os produtos galegos porque os identifican con autenticidade, identidade e confianza. Neste sentido, lembrou que Galicia dispón dun dos sistemas de calidade diferenciada máis amplos de España, formado por 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos que se engaden a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria, figuras orientadas a diferenciar os produtos e aumentar o seu valor no mercado.
A xornada incluíu sesións técnicas sobre a normativa da Artesanía Alimentaria e deu a coñecer diferentes experiencias empresariais e iniciativas de innovación aplicadas ao sector cárnico. Nesta primeira edición participaron as empresas Ánades Galicia, CienPorCel e Embutidos Navia de Suarna, ademais do propio Centro Tecnolóxico da Carne.
As Aulas Abertas continuarán o vindeiro 24 de xullo cunha segunda sesión que se celebrará no Centro Colaborativo de Friol, en Lugo, e que tamén poderá seguirse en liña. Nesta ocasión estará dedicada aos produtos lácteos e contará coa participación das empresas Airas Moniz, Condado Paradanta e Xeou!, así como da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela.