A Xunta vén de recibir o novo PXOM de Ourense para a súa tramitación

OurenseXa
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou de estase "empezando coa análise da documentación para axilizala o máximo posible”
Executive Forum Ourense
Executive Forum Ourense
30 Out 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe en Ourense que as medidas incluídas nos Orzamentos 2025, no que se triplica o presuposto para construción de vivenda e se abordan modificacións lexislativas, permitirán acadar o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, e volveu reclamar a implicación do sector e das administracións “para abordar todos os retos que se nos presentan e facelo de maneira efectiva”. M. Allegue participou no almorzo informativo promovido por Executive Forum, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarna Rivas.

A conselleira quixo subliñar a aposta da Xunta en Ourense para impulsar vivenda e infraestruturas, materializada nos orzamentos para o vindeiro ano, e destacou que nos últimos días a Consellería recibiu por rexistro o novo PXOM para a súa tramitación, “e estamos empezando coa análise da documentación para axilizala o máximo posible”.

Na cidade, o orzamento da Consellería incrementarase en máis do 205% para poder acometer actuacións “estratéxicas e necesarias” como a construción de vivenda de promoción pública en Cambedo da Raia (8 millóns de euros) Neste momento está en proceso de contratación as obras dun edificio de 64 vivendas.

Por outra banda, destínase nos orzamentos 1 millón de euros aos novos accesos ao CHUO desde a N-525; outro millón ao último treito da obra da circunvalación este, que se executará en 2025 e 1,1 millóns de euros á continuación das sendas, coa da OU-402 en Reza. Construirase ademais o novo edificio que unificará todos os servizos do Materno Infantil do Hospital de Ourense.

No que atinxe ás infraestruturas, quintuplicarase o orzamento para a mellora da seguridade viaria e actuacións en tramos de concentración de accidentes na provincia (2,7 millóns de euros). E a conservación e reforzo de firme das estradas autonómicas en Ourense sube máis do 40% ata superar os 9 millóns de euros en 2025.

Ademais, lembrou o rescate das catro autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, eliminando as peaxes en sombra e que permitirán aforrar máis de 330 millóns de euros en canons, coa liberalización de 30 millóns ao ano para as arcas públicas galegas.

0.20266699790955