A xustiza anula o cesamento da tesoureira municipal do Concello de Ourense

Novo revés xudicial para o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras coñecerse a sentenza da sección do Contencioso-administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense que anula o cesamento da tesoureira municipal.
A resolución estima os recursos interpostos pola funcionaria e polo Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e anula e deixa sen efecto o decreto da Alcaldía polo que se procedera ao seu cese no posto da Tesouraría Xeral do Concello de Ourense.
O cesamento da funcionaria fíxose efectivo no ano do 2024. Unha decisión tomada polo rexedor ao considerar que era demasiado “tiquismiquis” e que xerou a crítica de todos os grupos da oposición, así como da Xunta e do Goberno do Estado.
O fallo condena o Concello á reincorporación inmediata da recorrente ao seu posto de traballo. Así mesmo, recoñece o dereito da traballadora a percibir todos os efectos económicos e administrativos derivados desta decisión.
O Concello de Ourense anuncia que recorrerá esta sentenza a través dun recurso de apelación ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Pola súa parte, Jácome asegura que a resolución supón unha “intromisión inaceptable nas facultades organizativas da administración local” e di defender “a soberanía da Alcaldía na xestión dos seus equipos”. É máis, o alcalde afirma que “un xuíz non pode impoñer a un alcalde quen debe ser o seu tesoureiro cando a lei outorga esa facultade de elección e cesamento por confianza”.