Aarón Vidal e Víctor López proclámanse campións de España sub-21 coa selección galega de volei praia

Os ourensáns Aarón Vidal e Víctor López continúan sumando éxitos ao seu palmarés tras proclamarse campións de España sub-21 de volei praia coa selección galega. O triunfo chegou no Campionato de España por seleccións autonómicas, disputado entre os días 17 e 19 de xullo na praia de Las Canteras, en Gran Canaria, onde o combinado galego se impuxo para conquistar o título estatal.
Os dous deportistas, acompañados polo seu adestrador, Álex Prada, foron recibidos este mércores no Pazo Provincial polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, nun acto de recoñecemento ao éxito acadado e á traxectoria que veñen desenvolvendo dentro do Club Ourense Volei Praia.
Durante a recepción, na que tamén participou o asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez, o mandatario provincial puxo en valor o nivel competitivo dos xogadores, aos que definiu como un exemplo do talento e do traballo que se realiza no deporte base da provincia. Así mesmo, destacou a importancia de contar con deportistas capaces de situar a Ourense entre os referentes nacionais dunha disciplina en continuo crecemento.
O éxito conseguido coa selección galega supón un novo respaldo ao labor que o Club Ourense Volei Praia leva desenvolvendo nos últimos anos na formación de novos talentos. A progresión dos seus xogadores permitiu consolidar á entidade como unha das canteiras máis destacadas do panorama nacional nesta modalidade deportiva.
Lonxe de conformarse co título estatal, Aarón Vidal e Víctor López xa preparan o seu seguinte reto competitivo. O seu próximo obxectivo será o Campionato de España de Clubs, que se celebrará en Lorca entre os días 21 e 23 de agosto, unha cita na que buscarán manter o alto nivel demostrado durante toda a tempada.
Na recepción institucional, Luis Menor felicitou aos deportistas e ao seu adestrador polo traballo realizado e trasladoulles o apoio da Deputación para continuar impulsando o deporte ourensán e acompañar a proxección de mozos que xa destacan entre a elite nacional do volei praia.