Aberto o debate sobre a seguridade do paque acuático de Monterrei

OurenseXa
O problema, denuncian desde o BNG, estaría no chamado 'tobogán dos flotadores', que acumulou múltiples contratempos durante o verán
Parque Acuático de Monterrei
27 sep 2024

A finais do pasado mes de xuño produciuse a reapertura ao público das piscinas e tobogáns do espazo acuático sito no Complexo deportivo de Monterrei, no Concello do Pereiro de Aguiar. As instalacións postas en servizo están comprendidas dentro do que constituía a primeira das catro fases previstas do que se agardaba fose o gran parque acuático prometido polo Señor Núñez Feijóo en setembro de 2016.

En setembro de 2021 adxudicouse a execución das obras da primeira fase por un importe superior aos 4,7 millóns de euros, e o cal, representaba unha porcentaxe superior ao 50% do orzamento previsto para o total do proxecto. Unha continuación de incumprimentos impediron, tal e como sinala o deputado Iago tabarés, “que a cidadanía de Ourense puidera desfrutar dun dos poucos espazos acuáticos públicos para o lecer en época estival”. Finalmente o pasado 20 de xuño, produciuse a apertura das piscinas coa súa entrada en funcionamento incluída a de varios tobogáns.

Mais o certo é que, segundo Tabarés, “existe unha importante preocupación sobre a seguridade das instalacións, derivada fundamentalmente de múltiples contratempos no alcumado tobogán dos flotadores”, e engade, “dita instalación exixiu a asistencia e intervención médica das usuarias lesionadas e o traslado a centros médicos”.

Desde a formación nacionalista insisten en que, “nun só día do mes de agosto até en catro ocasións houbo de requirir a intervención de ambulancias para o traslado de usuarios ao Complexo Hospitalario de Ourense a fin de ser atendidos de golpes e lesións producidas no tobogán antes indicado”.

O acontecido nese día de agosto veu precedido, segundo Tabarés, “doutros episodios anteriores, sempre orixinados no mesmo tobogán, nos que outras usuarias tamén sufriron diferentes golpes e lesións que requiriron a aplicación de puntos de sutura na cabeza. O número de accidentes, a localización e orixe dos mesmos, así como o potencial alcance dos mesmo esixe examinar a total seguridade das instalacións postas en funcionamento para que a cidadanía poda desfrutar con confianza e tranquilidade dun dos escasos espazos acuáticos públicos dos que dispón”.

Diante do acontecido, desde o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego veñen de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas á Xunta de Galiza co obxectivo “de coñecer cal é o número total de incidencias contabilizadas este verán nas instalacións, se é consecuencia de deficiencias na construción, se se vai esixir algún tipo de responsabilidade e, sobre todo, que medidas se van adoptar para corrixilas e evitar que se sigan producindo máis contratempos no futuro”.

0.11187100410461