Aberto o prazo para inscribirse na XVIII Andaina Popular de San Cibrao das Viñas

O Concello de San Cibrao das Viñas celebrará o vindeiro 13 de setembro a decimoitava edición da súa Andaina Popular, unha cita deportiva xa consolidada como unha das citas fixas no calendario do municipio.
O período de inscrición abrirase este martes, 25 de agosto, e estará dispoñible ata o 11 de setembro. As persoas interesadas en participar deberán facer a súa inscrición a través da aplicación móbil do Concello, onde se poden atopar os enlaces necesarios para completar o proceso.
Dende a organización lembran que as prazas son limitadas, polo que recomendan non demorar a inscrición. Ademais, a xornada contará con premios, sorteos e diversos agasallos para quen tome parte na andaina, así como outras sorpresas que se irán desvelando nos próximos días.
Con esta nova edición, San Cibrao das Viñas convida a veciños e visitantes a gozar dunha xornada ao aire libre, nunha actividade que combina deporte, convivencia e o desfrute da contorna natural do municipio.