Abre o prazo para solicitar as axudas para a execucións de actuacións nas Reservas da Biosfera de Galicia

OurenseXa
Na comarca de Ourense Ourense, poderán beneficiarse destas axudas, que contan cun orzamento de 1,8 millóns de euros, os concellos de A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos
axudas_reservas_biosfera
A Xunta convoca convoca axudas por 1,8 millóns de euros para apoiar aos concellos na execución de actuacións 7 Reservas Da Biosfera de Galicia
4 abr 2024

A Xunta convoca unha nova orde de axudas cun orzamento global de 1,8 millóns de euros dirixida a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural destes espazos.

Así o anunciou onte a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que xunto co Parque Nacional Peneda-Gêres conforma a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Tras indicar que o Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para os anos 2024 e 2025 estas subvencións, a responsable autonómica explicou que poderán acollerse a elas os 86 municipios pertencentes a calquera das sete reservas de biosfera galegas: Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Ribeira Sacra, Serras de Oribio e Courel; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Área de Allariz; Gerês-Xurés; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Segundo explicou, as actuacións subvencionables agrúpanse en catro grandes liñas de actuación: conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas que teñan un impacto favorable na mitigación ou adaptación ao cambio climático; mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional; e creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

A modo de exemplo e tomando como referencia convocatorias anteriores, Belén do Campo explicou que estas axudas permitirán financiar iniciativas tan diversas como a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización.

A axuda cubrirá o 100% do custo subvencionable, cun límite máximo de 30.000 euros por proxecto. O prazo para a presentación de solicitudes, que se fará por vía telemática, abrirase a partir de mañá e pecharase o vindeiro 6 de maio. En todo caso, só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por entidade local.

A directora xeral aproveitou a ocasión para animar aos concellos das sete reservas de biosfera e, particularmente, aos da provincia ourensá, a promover proxectos que contribúan a impulsar desde o punto de vista económico e turístico estas zonas, que abranguen o 35% do territorio de toda Galicia e nas que viven preto de 570.000 persoas.

Neste sentido, cómpre lembrar que tres dos sete espazos que contan na Comunidade con este recoñecemento internacional están, total ou parcialmente, en Ourense, provincia na que serán potenciais beneficiarios das axudas convocadas hoxe 15 concellos: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños —localizados na Reserva de Biosfera do Gêres-Xurés—; A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos —pertencentes á da Área de Allariz—; e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira —situadas na de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—.

Ademais, Belén do Campo lembrou que estas subvencións son compatibles coas dirixidas a apoiar actuacións nos parques naturais galegos —publicadas a semana pasada e cun orzamento global de 1,63 millóns de euros— ou coas de Rede Natura —con prazo de solicitude xa pechado e dotadas de 2,8 millóns para o período 2024-2025—.

De feito, subliñou que, no que vai de ano, a Xunta xa convocou axudas por máis de 6,2 millóns de euros a través das tres ordes publicadas co obxectivo común de contribuír a preservar os espazos naturais galegos amparados baixo algunha das figuras de protección anteriormente mencionadas.

Un milleiro de piñeiros silvestres

A cooperación entre o Parque Nacional Peneda-Gerês portugués e o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés vén desenvolvéndose ao longo das dúas últimas décadas, pero que se viu reforzada coas Xornadas Técnicas Transfronteirizas, onde os técnicos e traballadores destes espazos naturais teñen un espazo onde poden debater e experiencias, de información e de documentación e que posibiliten a colaboración en proxectos conxuntos destes dous espazos protexidos.

Precisamente no marco da colaboración entre ambos territorios, persoal do parque natural galego e do parque nacional portugués xunto con membros da comunidade de montes Serra do Xurés e das autoridades presentes por parte do Concello de Lobios, da Xunta e do Goberno luso —encabezadas pola directora rexional da Conservação da Natureza e Florestas do Norte en Portugal, Sandra Sarmento— procederon hoxe a plantar un milleiro de piñeiros silvestres (Pinus Sylvestris) no lugar coñecido como Chan da Vella de Abaixo, no concello de Lobios.

Todos os exemplares proceden dos rodais do Parque Nacional Peneda-Gerês e destacan pola súa plasticidade e polo proceso de adaptación que sufriron ao longo do tempo, o que as converte en poboacións que poden ser cruciais para garantir a supervivencia da especie fronte ás alteracións climáticas.

Neste sentido, o lugar escollido para localizar as árbores cedidas por Portugal non presenta contaminación xenética pola presenza doutros piñeiros procedentes de repoboacións forestais, o que a priori debería favorecer o seu éxito reprodutor.