Abren as inscricións para a XXVII Andaina e o V Trail de Allariz

O Concello de Allariz presentou este venres os detalles da XXVII Andaina e do V Trail de Allariz, unha cita deportiva que se celebrará o vindeiro 14 de xuño e que busca reunir a centos de participantes nas paisaxes do municipio.
Na presentación participaron a alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, acompañados polos coordinadores deportivos Javier López e Roberto Naranjo. A rexedora destacou o impacto do evento e sinalou que “este evento demostra que Allariz é un referente en xestión deportiva e respecto ao medio natural”. Ademais, subliñou o carácter simbólico desta edición, dedicada no cartel a Paco García e á Agrupación de Protección Civil de Allariz, en recoñecemento ao seu labor.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, explicou a estrutura técnica da proba, que contará con diferentes modalidades adaptadas a distintos niveis. Entre elas figuran o Trail Longo de 35 quilómetros, cun desnivel positivo de 1.400 metros e puntuable para a Liga Provincial, o Trail Curto de 18 quilómetros (+840 m) e o Mini-trail de 8 quilómetros, pensado para a iniciación.
No apartado non competitivo, celebraranse a Andaina Longa de 23 quilómetros e a Andaina Curta de 14 quilómetros, ademais das modalidades Mini-andaina e as probas infantís do Trailciño, dirixidas a nenos e nenas a partir dos 6 anos e de participación gratuíta. As saídas organizaranse de forma graduada entre as 09:00 e as 11:00 horas.
O evento manterá ademais o seu obxectivo de “residuo cero”, polo que non se ofrecerán vasos de plástico nos avituallamentos e os participantes deberán levar o seu propio sistema de hidratación.
As inscricións abriranse o luns 20 de abril a través da plataforma Sportmaniacs. O prazo con tarifa reducida estará activo ata o 24 de maio, con prezos de 18 euros para os trails e 12 euros para as andainas. Toda a información está dispoñible na mesma plataforma e na web municipal.
Desde a organización agradeceuse a colaboración de entidades e empresas patrocinadoras, entre elas Apersa (Volkswagen, Audi), así como o apoio de Deporte Galego, a Liga de Trail OurenseTrail e a Agrupación de Protección Civil de Allariz.