Ábrense as inscricións para a Carreira Popular do San Martiño, que celebrará a súa 49ª edición en Ourense

OurenseXa
A proba disputarase sobre un circuíto homologado de 10 quilómetros e repartirá premios de ata 4.000 euros entre as categorías masculina e feminina
carreira-san-martiño-ourense
Imaxe de arquivo
25 Sep 2026

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense abriu o prazo de inscrición para a 49ª edición da Carreira Pedestre Popular do San Martiño, que terá lugar na cidade o domingo 8 de novembro. Quen desexe participar nesta cita deportiva xa pode formalizar o seu rexistro de xeito telemático a través do portal web 'Carreiras Galegas'.

Cotas e prazos de inscrición

Para a categoría absoluta, sobre unha distancia de 10 quilómetros, a cota de inscrición será de 5 euros para todas aquelas persoas que se apunten ata o 21 de outubro. A partir desa data, e ata o 1 de novembro, o prezo subirá a 7 euros.

Pola súa banda, a participación nas carreiras infantís e xuvenís (categorías Sub18, Sub16, Sub14, Sub12 e Sub10), así como na Carreira Inclusiva, non terá custo ningún.

O prazo xeral de inscrición pecharase o 1 de novembro ás 23.59 horas. Non obstante, os centros escolares que queiran inscribir ao seu alumnado nas probas destinadas a menores deberán tramitar as súas solicitudes antes do 19 de outubro.

Premios económicos

A organización, que presentará oficialmente a proba nos vindeiros días, confirmou un reparto de premios económicos tanto para a categoría masculina como para a feminina.

Na clasificación absoluta, os tres primeiros postos recibirán 4.000, 3.000 e 2.000 euros respectivamente, sempre que rexistren tempos por debaixo dos 29 minutos no caso dos homes e dos 32 minutos no das mulleres. Se non se baixase desas marcas, as contías reduciríanse a 2.000, 1.500 e 1.000 euros.

Tamén se recompensará aos atletas empadroados no municipio, con 600, 400 e 200 euros para os mellores clasificados locais en ambas categorías.

Así mesmo, establecerase un Premio Especial CaixaBank, dotado con 300 euros, que se entregará ao primeiro home e á primeira muller que crucen o control situado no quilómetro 5 do percorrido.

A organización previu un incentivo adicional de 1.000 euros para quen logre bater o récord do circuíto, actualmente en 28 minutos e 42 segundos para homes e 30 minutos e 23 segundos para mulleres.

0.13270711898804